O Culturgal 2011 pechou cunha importante aposta polas TIC
luns, 5 de decembro do 2011
A Feira das Industrias
Culturais Culturgal encheu o Pazo da Cultura de Pontevedra durante a pasada
fin de semana, con actividades de distintas índoles ao redor do mundo da
cultura, entre as que destacaban certas actividades tecnolóxicas como a
demostración do sistema de guías
audiovisuais Own The Way, da ferramenta de difusión
de contidos multimedia para dispositivos móbiles iBeaken e da aplicación móbil Orama
e un relatorio do CIF Ferrol sobre as distintas solucións de realidade virtual
que poden aplicarse para a escenografía de artes escénicas e música ou para o a
promoción do turismo e o patrimonio. Pero as TIC tamén demostraron a súa transversalidade
no evento, de xeito que poidamos ver puntos de información audiovisual
repartidos polo recinto, pantallas táctiles para que os asistentes puideran
experimentar en primeira persoal, aplicacións tecnolóxicas nos expositores
presentes e unha importante aposta polo audiovisual, deixando claro que a
cultura está cada vez máis viva nos novos soportes.

- Juan Gómez-Jurado instou a repensar a relación entre autores, editores e público
Dentro do Foro Culturgal as TIC tamén tiveron un imporante peso, especialmente
na xornada do sábado, que abriu co escritor Juan Gómez-Jurado, quen chamou á
reflexión sobre os novos modelos de distribución de contidos culturais e a
aproximación ao público, ao que tamén seguiu unha mesa redonda sobre as
estratexias na contorna dixital, na que os proxectos de El Cosmonauta, Herzio.com e Redenasa.tv
serviron de exemplo do tema a tratar.
Os profesionais que acudiron ao Foro Culturgal tamén puideron asistir a un
obradoiro impartido por Roberto Carreras (consultor de comunicación, marketing
e estratexia en liña) sobre a construción da presenza na Rede dos proxectos
culturais.
Volvendo á distribución de contidos, durante a tarde do sábado o Foro Culturgal
tamén contou cunha interesante mesa redonda conducida por Fernando Luaces
(Altafonte), na que Álex Samaranch comentou o seu proxecto de
distribución de comics dixitais (KOOMIC), Paula Cons detallou o proxecto
Wecoop.tv e Alfonso Martínez, responsable de contidos audiovisuais de R,
adiantou o servizo de vídeo baixo demanda que vai estrear o operador galego de
cable nas vindeiras semanas, e que ofrecerá tanto unha serie de contidos cinematográficos
á carta como un servizo de catch up tv
(chamado rebobina) que permitirá retomar
a emisión dun programa despois do seu comezo ou recuperar algúns dos programas
emitidos durante a última semana, cun sistema áxil e doado de manexar, que
facilita este acceso como se fose unha mera consulta á guía de programación en
pantalla do servizo de televisión de R. Martínez tamén confirmou que dende R
non desbotan a posibilidade de ofrecer contidos xerados polos usuarios na súa
plataforma de vídeo.
Culminaron as mesas redondas tecnolóxicas cun repaso a 3 proxectos dixitais
galegos: Contoplanet, A Engurra ao Poder
e Elibro-galego. Do vídeoxogo
A Engurra ao Poder non só púidose
coñecer a súa historia, ver detalles do seu deseño e coñecer detalles do seu
desenvolvemento, senón que incluso no expositor de EGANET na Feira podía
probarse unha versión en desenvolvemento deste prometedor xogo de plataformas
que prevé a súa chegada á App Store en 2012; María Arochena (Perro Verde Films)
detallou as características da aplicación para
iPad ContoPlanet, que busca converterse nunha completa plataforma de
distribución de contidos e nos vindeiros meses dará un salto á multi-plataforma;
e o director xerente de Enxenio, Roberto García Pazos, foi o encargado de
adiantar algúns detalles sobre as posibilidades que permitirá Elibro-galego,
plataforma de distribución de e-books que en breve presentará oficialmente a
Asociación Galega de Editores, e que pretende converterse nun escaparate da
edición galega, tanto na web como en dispositivos móbiles.

- No Culturgal puido verse un adianto do que será a plataforma de vídeo baixo demanda de R

- No stand</Em> de EGANET puido probarse en vivo unha beta do xogo A Engurra ao Poder

- A tecnoloxía estaba ao alcance da man dos visitantes ao Culturgal
