O Emporia Connect, galardoado co Consumer Favorite Award 2013

mércores, 27 de febreiro do 2013 Redacción

Emporia, fabricante de móbiles do que xa temos falado en Código Cero para salientar as vantaxes do seus aparellos para os nosos maiores, vén de obter un importante recoñecemento na Semana da Creatividade nos Negocios, celebrada en Múnic. Máis polo miúdo, trátase dun galardón para o teléfono Emporia Connect, ao que se quixo salientar polo seu deseño no marco do certame Universal Design Consumer Favourite Award 2013. Amais, púxose de manifesto a natureza intuitiva e a sinxeleza de uso do aparello, factor fundamental para ser aproveitado ao máximo entre o sector de idade ao que en boa medida se dirixe: as persoas maiores. O xurado estivo integrado por cen usuarios de teléfonos móbiles das máis diferentes marcas e procedencias.
Precisamente, o máis especial deste galardón, sinala a empresa, é que as candidaturas non son só valoradas por un xurado profesional, senón tamén polos consumidores. A distinción foi recibida por Emporia, de feito, como un recoñecemento da xente en xeral, “que é a que indica que a empresa está no camiño de conseguir o seu obxectivo, que é o de desenvolver un produto que cubra as necesidades do usuario”, declarou Eveline Pupeter, CEO de Emporia Telecom. O teléfono galardoado exponse estes días no salón Mobile World Congress de Barcelona, na caseta C 124, Hall 3.

PUBLICIDADE