O FBI recoñece non poder acceder ao contido de máis de 6.900 móbiles

martes, 24 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Durante o ano pasado a investigación sobre os contidos dun iPhone 5c propiedade dun terrorista falecido nun tiroteo en San Bernardino provocou grandes polémicas, xa que o FBI quería forzar a Apple a axudar na vulneración do terminal para acceder á información almacenada no mesmo, e aínda que finalmente teríase accedido á información grazas á compañía israelí Cellebrite (aínda que o FBI nunca confirmou este detalle nin a importante cantidade económica que investiron para tal fin), resultaba evidente que a industria non podía ceder ás autoridades gobernamentais se non quería crear un perigoso precedente que exporía os datos de todos os usuarios a gobernos de todo o mundo (e, por extensión, a calquera).
Aínda que o feito de que existisen métodos para vulnerar a seguridade de terminais non actualizados, hai que recoñecer que non é unha tarefa doado, e grazas á participación do director do FBI Christopher Wray nun foro sobre seguridade sabemos da dimensión que está a acadar o problema: nos primeiros 11 meses do ano fiscal os axentes federais non foron quen de acceder ao contido de máis de 6.900 dispositivos móbiles.
Wray recoñece que isto é «un grandísimo problema» que atinxe a investigacións de todo tipo (narcóticos, tráfico de persoas, anti-terrorismo, crime organizado...), pois boa parte do material aprehendido nas redadas ten restrinxido o seu acceso mediante contrasinal, dificultando o acceso ás evidencias. Os fabricantes de tecnoloxía néganse a colaborar coas autoridades para manter protexidos os datos dos seus usuarios, postura á que Wray responde declarando a necesidade de que poida existir un punto intermedio, xa que precisan ferramentas para poder velar pola seguridade pública e o cifrado está a ser un atranco moi importante.
Os expertos de seguridade apuntan pola súa banda que agora que se está a normalizar a comunicación cifrada entre extremos resulta case imposible interceptar mensaxes de xeito efectivo, de xeito que sería preciso empregar portas traseiras e outros tipos de medidas que en xeral reducirían a seguridade para todos, polo que non serían moi aconsellables.

PUBLICIDADE