O Goberno central quere levar redes de última xeración a máis de 800.000 galegos

mércores, 21 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

JPEG - 194.8 KB
Álvaro Nadal, ministro de Turismo e Axenda Dixital

O Goberno quere levar fibra óptica a 300 Mbps a 803.685 galegas e galegos. Así o fixo saber hoxe o Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, na presentación do Plan 300x100, dirixido a impulsar “a transformación dixital da economía no ámbito estatal e pechar a fenda dixital xeográfica”. Ou sexa, a fenda de oportunidades e de accesibilidade que separa o rural dos espazos urbanos, máis plenamente inseridos na Sociedade da Información (por contar con meirande e mellor oferta, máis oportunidades de acceso e, en xeral, máis poder adquisitivo). O plan, en termos concretos, prevé estender a fibra óptica e os 300 Mbps de capacidade ao 100 por cen dos núcleos de poboación de España. Está dotado con 525 millóns de euros para o período 2018-2021.
O plan, que é un novo paso do Programa de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA-NGA) posto en marcha no ano 2013, quere pór o foco nas pequenas poboacións e as zonas rurais, sendo a nosa terra (polo disperso da súa poboación, pola súa orografía e pola gran cantidade de aldeas e vilas de pequeno tamaño), un dos principais obxectivos do programa. De feito, destinaranse para Galicia case 70 millóns de euros, achegándose arredor de 87 euros por cidadán durante o período de vixencia da iniciativa.
Na cita de hoxe deuse a coñecer os 525 millóns de euros que se destinarán ao Plan 300x100 serán co-financiados con fondos FEDER (395 millóns de euros) e que esta sexa feira (venres) o Consello de Ministros dará luz verde á primeira partida destas axudas coa convocatoria de até 150 millóns de euros para estender a banda larga en 2018.

PUBLICIDADE