O INE informa: oito de cada dez galegos usamos hoxe a Rede

xoves, 5 de outubro do 2017 Redacción

O INE vén de achegar datos actualizados sobre o equipamento e o emprego das novas tecnoloxías nos fogares ao longo do ano en curso. Segundo o informe recente do INE, o 79,4% dos galegos e galegas de 16 a 74 anos fixeron uso de Internet nos tres últimos meses, cun incremento do 6,4%, con respecto ao ano anterior. Estas cifras supoñen unha taxa de medre superior ao do conxunto do Estado (5%), o que é posíbel que teña a súa explicación nunha situación previa de datos baixos (polo que, para entendernos, só restaba medrar rapidamente). Porén, o informe tamén reflicte que a suba máis salientábel refírese ao dos nosos maiores, a porcentaxe de persoas de idades comprendidas entre os 65 e os 74 anos. Neste treito, o uso da rede subiu un 45% respecto ao ano anterior.
No reconto de cifras tamén se fan saber cousas como que o 69,7% das nosas crianzas dispón de teléfono móbil (coa media estatal nun 69,1%), que máis do 47% dos fogares galegos dispoñen de tableta e que case tres de cada cidadáns mercou algún produto ou servizo a través de Internet no último trimestre (o que guinda unha taxa de crecemento do 5,6% en relación ao ano anterior).
Segundo a análise deste informe realizada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), “unha das conclusións positivas desta enquisa do INE é que o uso das TIC por parte da mocidade galega supera á media estatal nalgúns indicadores”. Así, engade o observatorio, a práctica totalidade dos mozos galegos de 16 a 24 anos utilizaron Internet nos últimos tres meses, superando a media estatal en 2 puntos porcentuais. Ademais, “un 61,9% poboación galega de 25 a 34 anos supera en 4,7 puntos a media estatal nas compras a través Rede”.
Segundo os datos que ofrece o INE, o 78,8% dos fogares galegos ten contratado Internet. Respecto ao tipo de conexión, cabe salientar que entre as vivendas que dispoñen de acceso a Internet en Galicia, un 75% emprega unha conexión móbil de banda larga través dun dispositivo de man, situándose en valores próximos á media estatal (76,1%).
Respecto dos datos relativos ao tamaño do hábitat, OSIMGA salienta que nos concellos con poboación de entre 50.000 e 100.000 habitantes, “a media galega supera á estatal na contratación a Internet e a banda larga”. Nestes concellos, “a porcentaxe de vivendas con conexión de banda larga contratada sitúase no 95,8% fronte ao 84,3% da media estatal”.
Nos concellos galegos de menos de 10.000 habitantes, a conexión de banda larga contratada medrou un 4,1% situándose no 72%.
Como novidade, a enquisa pescudou o emprego colaborativo de Internet para facer cousas como concertar con outra persoa aloxamento (habitación, apartamento, casa, etc.) ou servizo de transporte (coche, por exemplo). Do total de usuarios de Internet nos 12 últimos meses en Galicia na franxa de idade de 16 a 74 anos (1.609.382 usuarios), o 15,9% utilizaron páxinas web ou aplicacións móbiles para acordar con outro particular un aloxamento; é dicir, máis de 255.000 galegos.

PUBLICIDADE