O ITG expón esta semana os seus proxectos en materia de drons

martes, 12 de decembro do 2017 Redacción

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) vai mostrar esta semana a súa experiencia en tecnoloxías aéreas, máis polo miúdo en Vehículos Aéreos non Tripulados (UAV polas súas siglas en inglés). O motivo? A celebración da Xornada Técnica sobre UAV que organiza o Consorcio Aeronáutico Galego en Vigo (CAG) na sede de seu. Neste encontro, desenvolvido en colaboración con ITG e o Centro Avanzado de Tecnoloxías Aeroespaciais (CATEC), Analía López Fidalgo, directora da área de Sensórica e Comunicacións de ITG, falará da experiencia do centro tecnolóxico no sector dos sistemas aéreos non tripulados e exporá a situación dos proxectos que está a desenvolver actualmente. Por exemplo a través de iniciativas como Civil UAVs Initiative, da Axencia Galega de Innovación, no que o ITG colabora con Babcock para dar forma a novos sistemas de control, un software de misión intelixente e un centro de simulación para formación de pilotos.
Ademais, López Fidalgo porá en valor a recente constitución da que sería a primeira Unidade Mixta de investigación (UMI) especializada en drons en Galicia, coa unión do Instituto Tecnolóxico de Galicia e Star Defence Logistics & Engineering (SDLE), ao abeiro do programa de alianzas de investigación e transferencia que impulsa o Goberno galego. Froito da devandita unión abrollou o proxecto FASTFly (Full Autonomous Systems for UAS), que dispón dun orzamento de máis de 2 millóns de euros e un plan de desenvolvemento até 2020, para o que se conta cun equipo de traballo dunha ducia de investigadores e coa previsión de xerar cinco novos postos de traballo.

PUBLICIDADE