O Informe Ardán constata avances no investimento TIC na nosa terra

luns, 24 de xullo do 2017 Redacción

A semana pasada presentouse o Informe Ardán 2017, para un bo número de especialistas en economía o máis referencial diagnóstico sobre o estado de saúde do noso tecido empresarial. Como vén sendo habitual, o informe inclúe entre as súas páxinas (que podemos consultar íntegras na web www.ardan.es) unha investigación monográfica sobre O sector das tecnoloxías en Galicia, realizado pola asociación empresarial Ineo. Neste repaso polo tecido TIC da nosa terra revélase entre outras cousas que en Galicia as empresas do sector facturaron 1.400 millóns de euros en 2016, o que supuxo un 2,5% do PIB galego.
O Informe Ardán 2017 foi dado a coñecer o venres 21 pola delegada do Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa. Unha das principais conclusións xenéricas do mesmo foi a constatación de “melloras notábeis na maioría dos parámetros económicos das empresas galegas”.
Na presentación tamén participaron os profesores Santiago Lago e Albino Prada, autores dos capítulos 1 e 10, respectivamente, sobre a situación competitiva e o desenvolvemento de Galicia. Lago salientou que o ano 2016 foi “moi positivo” xa que “en Galicia prolongouse a fase de recuperación tras a gran recesión e superouse de novo a barreira de crecemento do 3% do Produto Interior Bruto”. Tamén expuxo que se deron “avances e recuperacións, máis ou menos intensas”, en factores críticos para a competitividade e o desenvolvemento, como as infraestruturas, as expectativas empresariais, a creación de empresas, o investimento en novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e a internacionalización das empresas galegas”. Porén, fixo mención tamén dos importantes déficits e eivas galegas no eido da Investigación, o Desenvolvemento e a Innovación, ou do “escaso atractivo da economía galega para os investimentos estranxeiros”.
Polo que atinxe á exposición de Teresa Pedrosa, debullou os principais indicadores que se reflicten no informe, baseado nas contas anuais de 18.235 empresas con domicilio social en Galicia. Segundo fixo saber, a facturación total das empresas galegas roldou en 2015 os 75.000 millóns de euros cando. Ademais, dixo, “estas mesmas empresas en 2014 facturaron 69.000 millóns de euros, o que supón un incremento do 8% nos ingresos de explotación”
Para que non o saiba, o Informe Ardán que analiza a actividade empresarial e o desenvolvemento económico da nosa terra realízao desde fai máis de vinte anos o departamento de Servizos Avanzados do Consorcio da Zona Franca de Vigo e actualmente nel colaboran estreitamente diversas axencias da Xunta de Galicia e grupos de investigación de Universidade de Vigo.

PUBLICIDADE