O Lenovo ThinkPad Tablet 2 anúnciase como un produto para uso profesional

xoves, 9 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Tras a filtración das especificacións do primeiro tablet con Windows 8 de Lenovo xa temos información oficial do que será o ThinkPad Tablet 2, que preséntase como un tablet multi-uso que busca destacar pola posibilidade de completarse cun lapis dixitalizador e conectividade móbil, á vez que tamén conta cun lector de pegadas dixitais e numerosas funcionalidades dirixidas á súa integración na empresa.
Este novo equipo porase á venda xunto co lanzamento de Windows 8 (o 26 de outubro), está baseado nun procesador Intel Atom e o sistema operativo Windows 8 Pro (ou sexa, que non será un dos tablets básicos con Windows RT), ten un grosor de 9,8 milímetros, un peso inferior a 600 gramos e unha pantalla táctil de 10,1 polgadas. Tamén conta cun porto USB de tamaño completo (para conectar dispositivos externos sen necesidade de adaptadores), cámaras (frontal e traseira), micrófono con cancelación de vídeo e porto HDMI.
O novo produto chega coincidindo co 20º aniversario da marca ThinkPad, coa que IBM consolidou a súa posición no sector dos ordenadores portátiles, e que en 2005 vendería a Lenovo (xunto con todo o negocio de informática de consumo).

PUBLICIDADE