No verán demos conta de que a empresa compostelá Cilenis Language Technology figuraba como semifinalista do Building Global Innovator co seu proxecto Avalingua, demostrando que esta spin-off da Universidade de Santiago de Compostela ten o suficiente carácter innovador como para poder competir con outros proxectos de grande peso nun certame patrocinado polo Programa MIT Portugal, o Instituto Universitário de Lisboa (ISCTE-IUL) e o Massachusets Institute of Technology (MIT), chegando á final o pasado 21 de novembro en Lisboa tras participar nun plan de estudos intensivos durante o verán e meses de traballo con mentores internacionais e conseguindo facerse finalmente cunha Mención de Honra na categoría de IT & Web.
A solución de software presentada por Cilenis, Avalingua, corrixe automaticamente textos en galego, español, portugués e inglés, e ofrece completas métricas sobre o nivel de coñecemento da lingua empregada polo usuario, o que pode resultar de grande utilidade para uso individual (favorecendo a autoaprendizaxe) como para uso colectivo (como instrumento para a aula ou método de avaliación).
Cilenis non só conseguiu o recoñecemento deste certame internacional, senón que tamén captou a atención de Marc Vidal, mentor de grande reputación que está a contribuír á internacionalización da compañía que para moitos gañou certa visibilidade ao contribuír á posibilidade de que os xogos Apalabrados e Mezcladitos estean dispoñibles en galego.
O MIT recoñece o traballo da galega Cilenis
Compartir Este Artigo

