O Mi A2 podería chegar ás tendas españolas o 25 de xullo

luns, 9 de xullo do 2018 Marcus Fernández

O anuncio en abril do Mi 6X de Xiaomi captou máis miradas do que parecía razoable, por un motivo moi concreto: este terminal tiña todas as papeletas para converterse no Mi A2, o segundo móbil de Xiaomi con Android One. E finalmente parece que o 25 de xullo sairemos de dúbidas, xa que aseguran que será a data na que o novo móbil verá a luz en España, chegando incluso a detallar que estará dispoñible en cor dourada, azul e negra e en capacidades de 4 GB de RAM con 32/64/128 GB de almacenamento e tamén nunha versión con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento.
Ao parecer, entre os primeiros países nos que vería a luz o Mi A2 estarían a India e España, nos que o Mi A1 está a ser todo un supervendas, e aínda que a data de lanzamento na India aínda non se coñecería, o lanzamento español si parece que o 25 de xullo teremos o novo móbil en España.
O Mi A2 chegaría cunha pantalla IPS de 5,99 polgadas cunha resolución de 2.160 x 1.080 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon 660 con gráfica Adreno 512, Android 8.1, cámara traseira dual de 20 e 12 Mpíxeles (o obxectivo principal tería unha apertura de f/1.8), cámara frontal de 20 Mpíxeles, lector de pegadas traseiro, dobre SIM, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, toma de auriculares e batería de 3.050 mAh con carga rápida por USB-C.

Próxima apertura na Coruña

Nos últimos días no centro comercial Marineda City un local baleiro advirte da próxima apertura dunha tenda de Xiaomi, que aínda non foi anunciada polo fabricante chinés (aínda que xa se comenta a súa futura apertura dende hai máis dun mes), que nos últimos días abriu novas tendas en Madrid e Granada, e que, segundo distintos rumores, abriría agora en Valencia e A Coruña. Teremos apertura galega a tempo para o lanzamento do Mi A2?
Estes establecementos, aínda que se centran nos móbiles da compañía asiática, teñen como principal atractivo a comercialización doutros produtos de Xiaomi de grande éxito como os robots aspiradora, os patinetes eléctricos, sistemas de aire acondicionado, ordenadores portátiles e moitos outros aos que espérase que se sumen en breve os televisores, que poderían ter grande éxito ao ser posible a súa adquisición en establecementos físicos.

JPEG - 402.6 KB
A apertura da última tenda de Xiaomi en Granada foi un evento multitudinario

PUBLICIDADE