O Oppo Find N5 preséntase como o móbil encartable máis delgado do mundo

xoves, 20 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

O fabricante chinés Oppo leva dende 2021 presumindo de móbiles encartables con grande pantalla e elevadas prestacións, e hoxe presentou o novo integrante desta familia de dispositivos, o Oppo Find N5, que presume de ser o móbil encartable máis delgado do mercado cun grosor de só 8,93 milímetros.
Estamos ante un smartphone que pechado presenta unha grande pantalla de 6,62 polgadas cunha relación de aspecto 20,7:9 (polo que pode empregarse como un smartphone ordinario), mentres que ao abrilo ofrece unha grande pantalla de 8,12 polgadas e presenta un grosor de só 4,21 milímetros.
O Oppo Find N5 tamén sorprende por ter superado niveis de resistencia á auga até o IPX9, as súas pantallas melloran en resistencia con respecto a anteriores xeracións, e as súas pantallas, con refresco de até 120 Hz, tamén presume dun grande brillo (até 2.450 nits a pantalla externa e até 2.100 nits a pantalla encartable).
Pese ao seu grosor tan reducido, o novo smartphone de Oppo conta cunha batería de 5.600 mAh, conseguindo así unha autonomía de até 25 horas de reprodución de vídeo ou até 8,6 horas de videoconferencia a través de Zoom. A súa carga rápida é de 80 watts por cable e 50 watts sen fíos.
Tampouco queda curto en potencia, xa que falamos dun dispositivo cun procesador Qualcomm Snapdragon 8 Elite, 16 GB de RAM LPDDR5X e 512 GB de almacenamento UFS 4.0, sendo tamén capaz de tirar proveito da intelixencia artificial a múltiples niveis, con funcións como a tradución automática, o resumo de chamadas, a mellora de fotografías, a mellora de chamadas mediante a cancelación de ruído e o uso das ferramentas de Google con IA como o asistente Gemini.
No apartado fotográfico conta coa colaboración de Hasselblad, e está equipado cunha cámara traseira cun ultra grande angular de 50 Mpíxeles, un grande angular de 8 Mpíxeles e un teleobxectivo de 50 Mpíxeles, mentres que as súas cámaras frontais confórmase con sensores de 8 Mpíxeles. Non estamos ante unha configuración tope de gama, pero si bastante boa para un teléfono deste tipo.
Este prometedor teléfono encartable comezará a venderse o 28 de febreiro a un prezo de 2.499 dólares de Singapur (1.789 euros) e, polo momento, descoñécese se o veremos no mercado español (pois o Find N3 non chegou oficialmente ao noso territorio).

Vídeo de presentación do Oppo Find N5