O Parlamento Europeo toma unha postura sobre o copyright contraria aos dereitos da cidadanía

mércores, 12 de setembro do 2018 Marcus Fernández

O alemán Axel Voss, do Grupo do Partido Popular Europeo (Demócrata-Cristianos), un dos promotores da reforma do copyright, celebrando a aprobación do texto proposto

A primeiros de xullo o Parlamento Europeo adiou o seu debate sobre a reforma do copyright no seo da Unión Europea, e finalmente esta mañá retomouse este espiñento e polémico tema, adoptándose finalmente a postura que conta con maior rexeitamento social por 438 votos a 226 (con 39 abstencións), aínda que a decisión adoptada hoxe aínda non se traducirá directamente en lei, senón que terá que avanzar máis pasos antes de concretarse (sendo os vindeiros pasos cruciais para que non se converta a futura lexislación en toda unha lousa para a Sociedade da Información).
Dende o Parlamento aseguran que o novo regulamento obrigará aos xigantes tecnolóxicos a compartir os seus ingresos con artistas e xornalistas, ou sexa, de xeito que cando se compartan contidos en plataformas socias como YouTube ou Facebook ou se compartan informacións a través de agregadores de novas (como Google News) os editores e creadores terán que recibir unha compensación económica, medida que sorprende enormemente, xa que a súa introdución dunha medida semellante en España levou ao peche de Google Noticias, prexudicou aos medios de comunicación ao reducir a súa visibilidade e ameaza con levar ao peche aos agregadores de novas modestos (como Menéame), de xeito que en vez de termos gasolina para a creación de contidos rematamos cun serio atranco para o desenvolvemento de novas plataformas e un freo para a innovación.
Ante as críticas recibidas por este regulamento, dende o Parlamento Europeo aseguran que o texto final non beneficiará exclusivamente aos editores, senón que compensará aos autores reais, non se aplicará a compañías de pequeno tamaño e tampouco afectará a plataformas non comerciais como a Wikipedia, aínda que semella bastante difícil que algo semellante poida articularse legalmente, pois resulta moi complicado trazar lindes, e tampouco parece moi legal que se establezan criterios arbitrarios sobre quen está ou non suxeito a pagar certos gravames.
Pese ás boas palabras do Parlamento, o texto aprobado recolle un par de artigos sumamente polémicos: o artigo 11, que abriría a porta a ter que pagar para poder ligar a un contido na web simplemente por citalo (motivo que levou ao peche de Google News en España); e o artigo 13, que faría que as plataformas en liña tivesen que filtrar os contidos para evitar infraccións dos dereitos de autor (proceso que realizaríase mediante sistemas automatizados, o que pode supor unha seria ameaza para a liberdade de expresión e os dereitos fundamentais).
A Comisión Europea e o Parlamento Europeo terán agora que acordar o texto definitivo da futura Directiva Europea que logo trasladarase ás distintas lexislacións locais, polo que aínda pode haber moitos cambios, estando a percibirse o texto aprobado como un grande retroceso para as liberdades na Rede para unicamente favorecer ás entidades de xestión de dereitos de autor e á prensa tradicional, co perigo de que compañías multinacionais poidan restrinxir os seus servizos na Unión Europea por mor da futura lexislación (como fixeron algunhas compañías tras a entrada en vigor do Regulamento Xeral de Protección de Datos) o que claramente prexudica á cidadanía.

PUBLICIDADE