O Premios EGANET serviron de escaparate da profesionalidade do sector TIC galego
mércores, 21 de decembro do 2011- Alfonso Cabaleiro e Mar Pereira non quixeron faltar á cita do sector TIC galego
Hoxe tivo lugar o acto de entrega dos premios que organiza por
oitava vez a Asociación de Empresas Galegas Adicadas á Internet e ás Novas
Tecnoloxías (EGANET) no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, cerimonia
á que se achegaron uns 200 profesionais do sector tecnolóxico galego, así como representantes
da Administración entre as que podemos destacar a Mar Pereira, secretaria xeral
de Modernización e Innovación Tecnolóxica, e a Alfonso Cabaleiro, secretario
xeral de Medios, que presidiron a
entrega de premios.
A estes premios concorreron 74 empresas, entidades e profesionais cun total de
192 candidaturas, aínda que na cerimonia de entrega dos premios limitouse a
presenza aos finalistas das distintas categorías, todas de grande interese pola
súa proxección empresarial e a súa innovación, servindo de exemplo do bo
traballo que está a realizarse dende o sector na nosa comunidade. Tamén cómpre
destacar o labor do xurado, que tivo que avaliar numerosas candidaturas e
demostrou unha vez máis o seu bo facer pola imparcialidade e calidade que
caracterizan a estes galardóns.
- Tradicional fotografía de familia dos galardoados na VIII edición dos Premios EGANET
A primeira categoría en recibir premio foi a de Comunicación Dixital, que
recolle as mellores iniciativas relacionadas coa publicidade en liña, os medios
sociais e outras ferramentas comunicativas nacidas na Rede, resultando gañadora
a campaña Mátalos de risa con Kill Paff, da
viguesa Elogia, aínda que o resto de traballos que optaban ao galardón tamén
eran bastante representativos da excelencia que está a acadar o sector: o
proxecto de Galinus Taller de Novos Medios para levar as exposicións dos Museos
Científicos Coruñeses ao eido dixital (coas páxinas web Misterdarwin.eu e eMuseo), a Memoria anual 2010 da Cruz
Vermella Española en Galicia elaborada por Neo Comunicación e a campaña de promoción Redescubre a Cidade Vella de Turismo
de Ourense.
A Mellor Aplicación de software elixida polo xurados dos premios foi BayDICOM Media de Bahía Software,
ferramenta que permite a importación e exportación de imaxe médica dixital en
soportes físicos, que actualmente empregan o Instituto Catalán da Saúde, o
Hospital Santa María de Lleida ou a Fundación Hospital Asil de Granollers (e
que recibiu
outro importante recoñecemento este mesmo mes). Tamén se recoñeceu a
calidade do resto de finalistas nesta categoría: a aplicación web para a
planificación, monitorización e control de proxectos LibrePlan de Igalia (anteriormente
coñecida como NavalPlan),
o proxecto de
innovación social de InfoJC Un Mundo Accesible e a ferramenta de
cálculo de illamentos acústicos SONarchitect ISO de Sound of Numbers.
Moi rifada estivo a categoría de Proxecto de Negocio Online, na que resultou
gañadora a iniciativa
de Elo Technologies coñecida como BuyDeal (considerada como a Groupon galega), pero sen chegar a
ensombrecer proxectos tan ambiciosos como a plataforma de crowdsourcing para producións
audiovisuais Wecoop emprendida por Continental Producciones, a plataforma web de
contidos dixitais Meubook ou a páxina web
Menus.es, das que demos conta nos últimos meses, e que todas esperaron
bastante interese social.
- O evento serviu para recoñecer o labor das empresas asociadas a EGANET que levan 10 ou máis anos en activo
Ao premio para o Proxecto Emprendedor TIC optaron a empresas de solicitude de
orzamentos de construción Enkenda, o estudo de desenvolvemento de videoxogos
Moonbite Games, a empresa luguesa detrás de Menús.es e a compañía coruñesa
Trileuco Solutions, responsable da plataforma de e-learning de idiomas a través de videoconferencia LetsLearnTV, que
valeulles finalmente o recoñecemento nesta categoría.
O último dos premios a concurso
correspondía ao Proxecto Empresarial TIC, ao que optaron Elogia, a Factoría de
Software e Multimedia (nacida de Imaxín Software), La Nautica Servicios
Nauticos e Visual Publinet, recaendo o recoñecemento en Elogia, que sería a
única empresa en recibir dous premios nesta edición.
Para fuxir do lado máis empresarial desta gala, fíxose entrega dun Premio
Especial EGANET, para recoñecer o labor da Fundación
Foltra, entidade privada sen ánimo de lucro que presta axuda á
rehabilitación física e intelectual de pacientes con danos neurolóxicos ou con
calquera outro tipo de patoloxía que este ano fixo unha aposta decidida polo
uso da TIC incorporando á súa estrutura un Centro Virtual, unha Aula Virtual e
unha intranet/extranet, que contribúen á vertebración da prestación de servizos
que ofrecen, tanto ás familias coma aos centros colaboradores.
- Víctor López, presidente de EGANET, reivindicou no seu discurso de clausura a importancia das TIC para as nosas sociedade e economía
Para rematar o evento, EGANET fixo entrega dun recoñecemento ás empresas
asociadas con 10 ou máis anos en activo, no que podiamos considerar como a
celebración da iniciativa empresarial galega e a súa consolidación, o que serviu
para destacar este ano a Abertal Networks, Ceo Aberto, Elogia, Igalia, Infonet,
Infoweb Galicia, Iterdata Networks, MIP Configuraciones Informáticas e Teaxul.
A este emotivo recoñecemento seguiron as palabras do presidente de EGANET,
Víctor López, quen tivo a ben salientar o papel fundamental que as empresas do
sector teñen que asumir para ser motores da sociedade e da economía galegas,
destacando o valor das TIC para mellorar “a
produtividade, a competitividade, racionalizar os resursos e reducir os custos”,
factores chave para o éxito.
A gala presentada por Susana Alvite (Hexis Comunicación) e o que subscribe, Marcus Fernández
(Código Cero), contou co financiamento da Secretaría Xeral de Modernización e
Innovación Tecnolóxica e os fondos FEDER, que fixeron posible o correcto
desenvolvemento dun acto que pon o broche a un ano no que o sector TIC galego
demostrou estar máis vivo que nunca.