O SERGAS presenta no 4YFN o proxecto ImaginEM, que mellora o seguimento dos pacientes esclerose múltiple

martes, 4 de marzo do 2025 S. P.

O Servizo Galego de Saúde presenta esta mañá na plataforma de emprendemento paralela ao Mobile World Congress de Barcelona (4YFN), o proxecto tecnolóxico ImaginEM, destinado a facilitar o diagnóstico precoz e un seguimento máis preciso dos pacientes con esclerose múltiple e permitindo reducir os tempos de avaliación.
O proxecto dáse a coñecer nunha mesa redonda que conta coa participación de José María Prieto, xefe de servizo de Neuroloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago e presidente da Sociedade Galega de Neuroloxía; Manuel Muñoz (CSO de Qubiotech); Javier Quiles, subdirector de Sistemas de Información do hospital santiagués; e Nuria González, responsábel da área de acceso e solucións innovadoras de Novartis.
O Servizo Galego de Saúde puxo en marcha ImaginEM Galicia, en colaboración con Novartis, iniciativa innovadora que utiliza Intelixencia Artificial para mellorar o diagnóstico e seguimento da esclerose múltiple.
Este programa pioneiro levarase a cabo nos sete hospitais públicos que representan ás sete áreas sanitarias de Galicia, buscando asistir aos clínicos na interpretación e manexo de resonancias magnéticas para optimizar o tratamento de pacientes con esta patoloxía.
ImaginEM Galicia ten como obxectivo principal “homoxeneizar os protocolos utilizados nas resonancias magnéticas para mellorar a precisión diagnóstica, coa implementación do software avanzado NeuroCloud, que permite analizar neuroimaxes mediante IA, extraendo biomarcadores clave con rapidez e precisión”. Deste xeito, engade o SERGAS, “axilízase a identificación de novas lesións e evolución do paciente por parte dos neurólogos especialistas en esclerose múltiple”.
A Xunta engade que estamos ante unha proposta para mellorar tamén a coordinación entre os servizos de neuroloxía e neurorradioloxía, optimizando os procesos asistenciais e reducindo os tempos necesarios para avaliar aos pacientes.
O desenvolvemento do proxecto divídese en tres etapas: análise inicial do proceso asistencial actual, aplicación tecnolóxica do software NeuroCloud e seguimento continuo para avaliar o seu impacto clínico. Os resultados preliminares presentaranse durante o vindeiro ano e a previsión é poder cuantificar as melloras, coa intención de replicar este modelo.
Con ImaginEM Galicia, o Servizo Galego de Saúde non só busca mellorar os resultados clínicos senón, tamén, “establecer un estándar innovador que poida servir como referencia para outros sistemas sanitarios”.
A esclerose múltiple é unha enfermidade neurodexenerativa que constitúe unha das principais causas de discapacidade non traumática en adultos novos. A súa prevalencia incrementouse substancialmente nas últimas décadas, afectando aproximadamente a 1,8 millóns de persoas en todo o mundo.
En Galicia, a prevalencia é especialmente alta, con taxas que alcanzan os 205 casos por cada 100.000 mulleres e 115 casos por cada 100.000 homes, o que converte a esta comunidade autónoma nunha das máis afectadas por esta enfermidade en España.
Tamén no marco do Mobile World Congress 2025 será presentada unha colaboración punteira entre o Servizo Galego de Saúde e Telefónica, xa que dentro do novo contrato de comunicacións corporativas do Servizo Galego de Saúde se inclúe a despregadura dunha rede de backup 5G coa tecnoloxía Network Slicing, que será a primeira en implantarse en España a grande escala.
O Servizo Galego de Saúde e Telefónica traballan para incorporar esta nova tecnoloxía punteira en todos os centros de saúde públicos galegos en forma de respaldo 5G. “Isto suporá que cando haxa unha caída da conectividade principal en fibra, a tecnoloxía 5G con network slicing permitirá manter a calidade do servizo, asegurando que o departamento sanitario galego sempre dispoña dun ancho de banda suficiente para garantir o seu servizo”, avanzan fontes o Servizo Galego de Saúde, engadindo que no caso de darse un escenario de conxestión da rede móbil, “o SERGAS mantén a reserva de recursos radio de maneira prioritaria sobre o público xeral”.
O Servizo Galego de Saúde é o primeiro cliente en España no que se desprega esta funcionalidade.