O acceso ás redes sociais dende a empresa dispara as probabilidades dun ataque informático

martes, 18 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

As redes sociais, coma toda cousa relativamente nova, aínda non deixaron claras ao cen por cen as súas vantaxes. Certo é que está fóra de dúbida que a nivel persoal axudan (e moito) a estarmos máis comunicados (as máis das veces sen gastar un can), que son participativas e interactivas, pero a cousa non está tan clara a nivel profesional e menos aínda nun plano formativo. Nestes dous casos, se cadra corremos o risco de perder un pouco rumbo emprendido, cegados polas luces e todas esas cousas que nas redes foron postas para chamarnos a atención. En certa maneira, estudar ou traballar nestes sitios é como ir a facelo nun sitio onde todo o mundo che fala, coas vantaxes e os atrancos que isto pode ter. A maiores, informan empresas de seguridade informática como Shopos, non sempre quen chega é quen di ser.
Segundo apunta esta firma nun dos seus recentes informes, acceder ás redes sociais dende o traballo supón un risco para as empresas, non só porque poden supoñer unha distracción para quen non se concentre, senón tamén porque incrementa nun 70% as probabilidades de sermos vítimas dun ataque de tipo informático.
O abano de feituras é variado: códigos maliciosos (malware), correo lixo ou ataques phishing (suplantación da identidade dunha persoa ou un banco para apañar cartos ou datos persoais). Todo isto, comunica Shopos, pode pór en risco os principais valores estratéxicos das empresas. “Durante o ano pasado”, engádese, “o 36% dos que empregan as redes sociais foi vítima dun ataque desta índole, o que provoca que as empresas presenten cada vez maior vulnerabilidade polos datos que os traballadores intercambian con outros usuarios e polo uso que fan destas plataformas no tempo do seu traballo”.
Cómpre sinalar que a día de hoxe estas ferramentas de comunicación xa están inseridas no día a día de moitos empregados, que acceden a elas para contactar con outras persoas, subir imaxes, actualizar o perfil ou comunicarse cos compañeiros, provedores ou clientes. A día de hoxe, en España, tres de cada dez usuarios de redes sociais conéctanse a elas dende os seus postos de traballo, e este tipo de acceso medrou durante o último ano nun 16%.
Para empresas como NextVision, isto obriga ás firmas a concienciar aos seus traballadores na necesidade de miniminizar os ricos que achegan estas prácticas na seguridade corporativa. Neste senso, recoméndase separar as contas persoais das profesionais, axustar os niveis de privacidade das contas, non abrir ligazóns a sitios descoñecidos ou non responder a notificacións de solicitude de contrasinais.

PUBLICIDADE