O alcalde de Santiago visitou as instalacións de Televés en Compostela

xoves, 10 de outubro do 2019 Redacción

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado da concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, e dos responsábeis da área de Promoción Económica visitaron na mañá deste 10 de outubro as instalacións da firma tecnolóxica Televés, no barrio de Conxo. Durante a visita, puideron dar conta dos proxectos sociais e industriais de Televés Corporación, un referente galego e estatal en deseño, desenvolvemento e fabricación de solucións para infraestruturas de telecomunicacións en fogares, edificios e cidades. Por parte da compañía, que conta con máis de 20 firmas e máis de 700 empregados, estiveron presentes o seu director xeral, Santiago Rey, e o secretario xeral, Jorge Lorenzo.
A empresa puxo o foco na súa importante presenza internacional (conta con filiais en once países, entre eles Rusia, Estados Unidos, China e Emiratos Árabes; e vende en máis de cen países dos cinco continentes) e en como compaxina esta procura eficaz de novos mercados cunha aposta decidida (e histórica) por Compostela (toda a súa liña de investigación, deseño de produtos e control de calidade desenvólvese nas instalacións coas que conta en Santiago).
A visita rematou cun percorrido polas instalacións de Televés, incluíndo o departamento de I+D e as liñas robotizadas da compañía. Alí, os responsábeis de cada área explicaron como Televés deseña e fabrica os seus propios produtos e deseña e monta as súas propias liñas de fabricación automatizada.

PUBLICIDADE