O bufete Pintos & Salgado cuestiona a efectividade de prohibir os teléfonos nos centros educativos
venres, 8 de marzo do 2024
No marco do seu programa de divulgación sobre diferentes aspectos legais e xurídicos da nova orde tecnolóxica, o despacho de avogados coruñés Pintos & Salgado fai fincapé esta semana na problemática dos móbiles nos centros educativos, poñendo o foco nas luces e sombras que traería a prohibición destes trebellos no ámbito docente. En concreto o bufete analiza unha das últimas novidades lexislativas de Galicia en materia de menores e tecnoloxía: a Orde do 4 de xaneiro de 2024 da Xunta que establece un protocolo de actuación nos centros educativos e que prohibe expresamente o uso de teléfonos móbiles en todo o horario escolar, lectivo e non lectivo.
Sobre esta novidade pronúnciase Víctor Salgado, avogado especialista en dereito dixital do bufete: “En realidade, esta nova normativa amplía o Decreto 8/2015 da Xunta, que xa prohibía o uso de telefonía móbil en colexios e institutos, pero non especificaba nada dos períodos considerados non lectivos, como o comedor, o patio, as saídas e entradas… Aí é onde ataca esta nova norma, regulándoo tamén”. Salgado lembra que a normativa en vigor desde este 2024 recolle algunhas excepcións, como que se poida utilizar o móbil baixo supervisión do equipo docente e por unha actividade académica, ou por cuestións de saúde, se o menor precisa dalgún control. Porén, en última instancia, o que fai o protocolo da Xunta é “expor unha contradición complexa”, baixo a perspectiva de Víctor Salgado, que engade que “a norma fálanos de educar aos menores no uso da tecnoloxía, pero faio prohibíndoa; e prohibir algo implica, na maior parte das veces, que o seu emprego sexa clandestino, soterrado, utilizando neste caso os móbiles ás agachadas”. Para Salgado, “a clave está en acompañar aos menores no uso da tecnoloxía, acompañar con límites, pero sen demonizar as ferramentas dixitais. O fácil é prohibir; o difícil é educar e acompañar”.
Os centros educativos, espazos de alfabetización dixital
Para o bufete galego existen dous lugares que son fundamentais para que todo menor aprenda de xeito progresivo a utilizar de maneira saudábel a tecnoloxía, dous espazos que constrúen un proceso de alfabetización dixital: os fogares familiares e as escolas.“Como pais, docentes e tamén profesionais temos o deber de educar no uso respectuoso da tecnoloxía, pero fraco favor facémonos como sociedade se eliminamos unha das contornas onde se debese ofrecer unha aprendizaxe de calidade en materia de cultura dixital. É coma se estivésemoslle quitando unha das dúas patas ao proceso de aprendizaxe, facendo que todo o peso recaia neses pais e nais que quizá non teñan todos os recursos ao seu alcance para un bo acompañamento”, continúa Salgado.
Para o avogado especialista en dereito dixital, prohibir o uso do teléfono móbil en centros educativos supón deconstruír os institutos e escolas como espazos para educar no bo uso de ferramentas tecnolóxicas. “Poderiamos estar a xerar, no canto de nativos dixitais, orfos dixitais”, expón, engadindo que “ao final, na Internet o que atopamos son relacións sociais como na vida analóxica, coa súa parte positiva e negativa, e tanto pais como docentes podemos interesarnos polo que fan as novas xeracións na rede para darlles despois orientación, consellos, en base á nosa experiencia vital e profesional. Non se trata só de ensinar como funciona unha aplicación móbil, tampouco de prohibir ou demonizar o tecnolóxico, senón de dar pautas de responsabilidade, dereitos e valores”, conclúe Salgado.