O comercio de proximidade pode solicitar a partir deste 1 de marzo as novas axudas de dixitalizacion da Xunta

martes, 28 de febreiro do 2023 S. P.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, presentou este martes 28 de febreiro en Vilagarcía os detalles das novas axudas autonómicas para a dixitalización do comercio de proximidade e os obradoiros artesáns. Fíxoo no transcurso dun encontro enmarcado no ciclo Networking Galicia Empresa, organizado en colaboración coa Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
Conde explicou que o orzamento é de 3 millóns de euros para financiar, entre outras accións, plans transformadores de mercadotecnia dixital, servizos de loxística, posicionamento a través de páxinas web, ou xestión de redes sociais, ademais de axudar á adquisición de equipamentos, para o cal as axudas poden ser de ata 5.600 euros.
Segundo dixo durante esta xuntanza co tecido empresarial en Vilagarcía de Arousa, “trátase dunha liña de apoios para fomentar que o sector do comercio e da artesanía poidan aproveitar todas as vantaxes da tecnoloxía e a venda en liña para poder estar dispoñibles os 365 días do ano en calquera lugar do mundo”.
Conde subliñou que a dixitalización e a sustentabilidade “son dous retos que afronta o tecido empresarial galego” e que a Xunta” traballa para que as empresas e os autónomos atopen un camiño fácil para desenvolver os seus plans de negocio”.