O compromiso da Cruz Vermella a prol das novas tecnoloxías solidarias, premiado pola AETG

martes, 14 de outubro do 2014 Redacción

O premio Socio de Honra 2014 da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (galardón que se vai entregar na XIX Gala das Telecomunicacións de Galicia, que se celebrará o vindeiro 24 de outubro no Gran Hotel da Toxa) foi para a Cruz Vermella de Galicia, polos “seus esforzos permanentes na renovación das súas infraestruturas tecnolóxicas, das que fai un uso intelixente na procura dunha maior eficiencia dos seus servizos”. Segundo fai saber o xurado, o devandito fica demostrado en iniciativas como a súa plataforma de teleasistencia para persoas que viven soas, ou polo programa Agora máis que nunca, unha ferramenta web que ten como finalidade axudar aos máis afectados pola crise. A Asociación tamén valorou os acordos que a Cruz Vermella ten asinado con diferentes operadores de telefonía e con destacadas fundacións do terceiro sector para situarse na vangarda das TIC.
Lembrar que a Cruz Vermella mantén en marcha servizos como os Espazos de Busca Activa de Emprego (EBAE), que puidemos coñecer en todo detalle nunha xornada levada a cabo ao abeiro do Programa de Voluntariado Dixital de AMTEGA. Os ditos servizos son emprazamentos de procura laboral equipados cos medios técnicos e tecnolóxicos para preparar unha candidatura, facer unha subscrición a unha oferta de traballo ou facer un seguimento desta. Asemade, para facernos unha idea da súa vertente de compromiso TIC, a ONG asinou recentemente un acordo coa Fundación Vodafone para permitir que as persoas maiores aprendan a moverse pola Rede e que se sirvan da Internet para mellorar a súa vida en aspectos como o lecer, o tempo libre, a comunicación e as redes sociais. O proxecto entre a operadora e a Cruz Vermella chegou baixo o nome Formación e optimización do uso das Redes Sociais, os computadores e Internet polas persoas maiores e grazas a el máis de 4.500 persoas maiores recibiron formación de balde sobre as vantaxes que achega o acceso a Internet.
Respecto ao seu labor tecnolóxico-dixital a prol das persoas que viven soas, a Cruz Vermella impulsou o servizo Acompáñote, un programa de localización e control voluntario de cidadáns en situación de especial vulnerabilidade e que contou con financiamento da Consellería de Traballo. Consistiu, en termos xerais, en pór a disposición dos coidadores e familiares de persoas dependentes que residen nos seus propios domicilios un pequeno equipo que integra un teléfono móbil con tecnoloxía GSM e un módulo de localización xeográfica vía satélite (GPS) cun centro de control dende o que é posíbel recuperar a posición exacta de calquera dos equipos.

PUBLICIDADE