O conto interactivo Area fai seis, nomeado aos Mestre Mateo

martes, 24 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Area fai seis, o conto multimedia do Instituto Galego de Consumo que editou Galaxia e desenvolveu Moonbite, é unha das pezas nomeadas á nova edición dos Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual. A obra en cuestión, que como dixemos nesta web é unha achega interactiva dispoñible de balde na web de Consumo, compite na recta final dos Mestre Mateo na categoría de obra interactiva, precisamente. Os premios entregaranse o vindeiro sábado na Coruña.
Area fai seis, con texto de Araceli Gonda e con ilustracións en plastilina de María Noel Toledo, é un material didáctico para introducir a perspectiva do consumo responsable na etapa de Educación Infantil. Intégrase nun álbum dixital Dálle a volta da Escola Galega de Consumo, é destaca polo nivel de participación coa cativada conseguido a través de todo tipo de elementos: sons, animacións e efectos especiais. A obra, como dixemos, foi desenvolvida dende o punto de vista tecnolóxico pola empresa galega Moonbite, sendo o obxectivo o de achegar unha ferramenta teórica e referencial para levar a cabo os obxectivos da educación do consumidor desde as primeiras etapas de Educación Infantil. A protagonista, como o seu título indica, é Area, unha nena a piques de cumprir seis anos que se sinte frustrada porque seus pais decidiron que para o seu aniversario tería unha festa diferente, sen agasallos e sen gastos innecesarios.