O curso de Vitae sobre Clean Code Avanzado chega en marzo á súa cuarta edición

martes, 14 de febreiro do 2023 S. P.

Coa chegada da primavera, Vitae Consultores dá continuidade á súa intensa actividade formativa enfocada no ámbito tecnolóxico, un escenario onde se precisa, se cadra máis que en calquera outro eido de actividade profesional, dunha constante actualización e dunha apropiación continua de contidos. Na listaxe de propostas programadas pola consultora galega para estes meses inclúese a cuarta edición do Curso Clean Code Avanzado: principios e patróns de deseño.
Celebrase en formato de aula virtual os días 13, 15, 20, 22, 27 e 29 de marzo. O curso en si constitúe unha oportunidade de ouro para mellorar as nosas capacidades para desenvolver programas e proxectos tecnolóxicos e liderar equipos de desenvolvemento, facendo especial fincapé na claridade, na sinxeleza, na simplicidade e na axilidade.
Serán, desta volta, 18 horas de formación.
O miolo da actividade son os beneficios que reporta a un profesional a práctica do bo deseño. “Un bo deseño axúdanos sempre a crear bo software, ou sexa, programas doados de manter a longo prazo”, destacan dende Vitae, engadindo que se ben a análise e o deseño de arquitecturas limpas son sen dúbida tarefas complexas, non parten dende cero: “Podemos mellorar a nosa produtividade e calidade dos nosos produtos aplicando principios fundamentais e patróns de deseño xa probados. Os obxectivos do curso son os seguintes: por unha banda coñecer os principios fundamentais da programación robusta e, pola outra, aplicar os patróns de deseño máis axeitados durante o desenvolvemento.
O curso está dirixido principalmente a programadores con experiencia nalgunha linguaxe orientada a obxectos. Terá unha duración de 12 horas cun “enfoque eminentemente práctico”. A persoa encargada de impartir os contidos será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores.