O director de AtlantTIC, novo presidente da IEEE Education Society

luns, 6 de febreiro do 2023 S. P.

O director do Centro AtlantTIC (UVigo) e catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Martín Llamas Nistal, é o novo novo presidente da IEEE Education Society. O principal obxectivo desta sociedade, fundada en 1957, é o de liderar a educación da Enxeñaría, impulsando actividades referenciais de investigación e divulgación en todo o mundo.
En palabras Llamas Nistal, “é unha honra ser elixido polos meus compañeiros da Sociedade de Educación do IEEE como presidente, que implica recoñecer os meus méritos como investigador na educación da enxeñaría, e ter a súa confianza para dirixir a sociedade nestes dous anos”.
O catedrático da UVigo destacou tamén a “responsabilidade” do cargo, “que espero poder afrontar adecuadamente, acompañado por un equipo de relevantes investigadores internacionais no noso campo”, sinala.
A sociedade IEEE promove conferencias de recoñecido prestixio nas que o persoal investigador pode presentar e discutir sobre os seus últimos traballos; así como a publicación de revistas de alta calidade como IEEE ACCESS-Sección Sociedad de Educación, Transactions on Education, Transactions on Learning Technologies e RITA.
Martín Llamas afronta a presidencia da IEEE Education Society co obxectivo fundamental de “manter e incrementar o noso nivel de excelencia como sociedade do IEEE en aras dun mellor ensino da enxeñería”. Ademais de fomentar a cooperación no ensino da enxeñaría coas demais sociedade do IEEE e outras institucións e promover e incrementar os beneficios dos membros da sociedade.

PUBLICIDADE