Grande sorpresa nas últimas horas ao saberse da dimisión do vicepresidente de Samsung Electronics, Oh-Hyun Kwon, que vén de anunciar a súa intención de non manterse ao cargo da división de negocio de Solucións para Dispositivos e tampouco buscará a reelección como membro do cadro de directores (do que remata o seu mandato actual en marzo de 2018). Kwon tamén renuncia á dirección xeral de Samsung Display, a división de pantallas da compañías surcoreana.
Kwon recoñece que a súa retirada foi unha difícil decisión, pero considera que é necesaria para a empresa, argumentando que están a vivir «unha crise sen precedentes» (no que parece unha alusión á condena de 5 anos de cadea para o máximo responsable da compañía) e considera que é o momento para renovar o liderado «para unha mellor respostas aos desafíos emerxentes da rapidamente cambiante industria das TIC».
Foi no ano 1985 cando Kwon entrou a formar parte de Samsung como investigador nos laboratorios de semicondutores nos EE.UU., ocupando dende entón numerosos cargos de responsabilidade, como a dirección xeral da división de semicondutores dende 2012, que resulta ser precisamente un dos negocios da compañía que máis beneficios xerou nos últimos anos, de aí que resulte sorprendente a renuncia, xa que non é habitual que os directivos deixen os seus cargos cando semella que están no seu mellor momento.
O director xeral de Samsung Electronics renuncia ao seu posto
Compartir Este Artigo
