O dominio .gal celebra o Día de Galicia cunha promoción de verán

luns, 20 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Hai cousa dun ano estabamos a celebrar a posta en funcionamento de preto dun cento de páxinas web que a xeito de pioneiras estreaban o seu dominio .gal, e para continuar a promoción do domino galego na Internet e celebrar o Día de Galicia, iníciase unha promoción dende hoxe e ata o 20 de outubro a través da que será posible que institucións, entidades sen ánimo de lucro, empresas e particulares poidan contratar un dominio .gal a un prezo máximo de 40 euros + IVE.
Esta promoción de verán do .gal está dispoñible a través dun número limitado de axentes rexistradores (Dinahosting, Entorno Digital, Soluciones Corporativas IP, CDMon, Host Europe Iberia, Arsys, OVH.com, 101Domain e 1&1 Internet) con cadansúas condicións de servizo e prezos que se sitúan entre os 35,95 e os 40 euros + IVE.
Durante os vindeiros días a Asociación PuntoGal tamén dará conta desta iniciativa para promover o uso do dominio .gal para que a sociedade galega poida gozar dun espazo propio na Rede, e gañar así en visibilidade como comunidade lingüística e cultural a nivel global.