O equipo MontecasteloBot (Vigo) representará a España na final mundial da First LEGO League
luns, 12 de xuño do 2023
A
sección LEGO de El Corte Inglés de Vigo foi este luns 12 de xuño o
escenario para a presentación do equipo MontecasteloBOT que
representará a España na final mundial da First LEGO League, que
nunhas semanas disputarase en Australia.
MontecasteloBOT,
formado por alumnos de 1.º e 2.º de ESO do colexio Montecastelo da
cidade olívica gañou o pasado mes de marzo o primeiro premio ao
Mellor Proxecto de Innovación na final nacional de First LEGO League
celebrada na Universidade de Cartaxena, superando previamente a fase
zonal de Burgos.
O
acto deste luns 12, presentado pola directora rexional de
Comunicación, Relacións Institucionais, Marketing e
Sustentabilidade de El Corte Inglés, Fuencisla Cid, contou coas
intervencións do director do colexio Montecastelo, José Manuel
Rodríguez Lago, así como do mentor do proxecto, o profesor Bernardo
Longa, e os membros de MontecasteloBOT que explicaron o deseño aos
medios de comunicación alí presentes.
“Felicitarvos
por este proxecto co que ides representar a España e desexarvos toda
a maior das sortes. Estou segura que ides conseguir moito máis”,
comentaba Fuencisla Cid.
“Moitísimas
grazas a El Corte Inglés por recibirnos na súa casa. Estou moi
orgulloso tanto dos alumnos como do profesor porque é un traballo
moi ben feito e con moitas horas de dedicación”, dicía Rodríguez
Lago. Segundo fixo saber, presentáronse na convocatoria decenas de
milleiros de equipos de todo o mundo e só 50 chegaron á final.
“Montecastelo é un deses 50”, engadiu.
A
Fundación Integra outorgou na cidade de Cartaxena o premio ao equipo
polo seu proxecto innovador, Energy Step, que consiste en
baldosas intelixentes adaptábeis a calquera tipo de chan para
producir electricidade coa pisada.
A
First LEGO League é unha competición internacional que fomenta a
aprendizaxe en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas
(STEM) en mozas de entre 9 e 16 anos. A competición divídese en
tres categorías: o Desafío do Robot, o Proxecto de
Innovación e os Valores do Equipo.
Como
dixemos, nesta edición o equipo MontecasteloBOT destacou polo seu
proxecto innovador Energy Step, que consiste en baldosas
intelixentes que xeran electricidade coa pisada das persoas. O
proxecto ten como obxectivo aproveitar a enerxía mecánica das
persoas para xerar electricidade e contribuír así á
sustentabilidade do planeta. O sistema Energy Step utiliza un
dispositivo piezoeléctrico para transformar a presión da pisada en
electricidade. Estas baldosas intelixentes pódense adaptar a
calquera tipo de chan, desde pavimentos de rúas e parques ata
aeroportos e estacións de tren. O equipo creou un prototipo
funcional e demostrou que o sistema é capaz de xerar electricidade
de abondo para alimentar dispositivos electrónicos.
Na
iniciativa de MontecasteloBOT destaca a importancia da innovación na
sustentabilidade ambiental, e como pequenas solucións poden ter un
gran impacto. A produción de electricidade a través da pisada das
persoas pode ter beneficios significativos para o medio ambiente e a
eficiencia enerxética, especialmente en áreas con alto tráfico
peonil.