O equipo de Improving Metrics solicitará datos do lixo atopado no río Trabe de Vilaboa

xoves, 14 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

A empresa galega Improving Metrics vai xuntar forzas cunha importante iniciativa a prol da conservación do medio ambiente e da necesidade de concienciarnos para acadar un mellor tratamento do lixo: o Proxecto Libera, 1m² pola Natureza, a campaña nacional liderada por Ecoembes e SEO/Birdlife. A participación da firma tecnolóxica da Coruña materializarase este sábado nunha recollida de lixo no río Trabe de Vilaboa, na que participarán os traballadores da empresa. Non será unha recollida de refugallos calquera: a firma botará man da súa ampla experiencia en ferramentas de recollida e análise de información.
Será, en palabras de Improving Metris, unha recollida e mapeo de basuraleza, poñendo o foco na extracción de datos do lixo abandonado na contorna do devandito río Trabe ao seu paso por Vilaboa. A actividade engadirase ás máis de 160 accións de activismo ambiental que se levan a cabo estes días en diversos puntos de España.
O Proxecto Libera: Natureza sen Lixo nace en 2017 para frear o problema da basuraleza, lixo en espazos naturais, polo que Ecoembes e SEO Birdlife puxeron en marcha a iniciativa 1m² pola Natureza, un encontro anual para recoller residuos de contornas naturais, que ten lugar do 9 ao 17 de marzo.
A campaña céntrase en ríos, encoros e pantanos e desde Improving Metrics decidiron colaborar na actividade, que consistirá non só en recoller residuos, senón en mapear a zona con axuda dunha aplicación móbil, onde se introducen os datos dos materiais que se van atopando, para elaborar un mapa nacional que xa forma parte dos recursos do Ministerio de Medio Ambiente.
A actividade de Improving Metrics desenvolverase en horario de 11:00 a 14:00, con punto de partida na área de lecer do Rego de Trabe.

PUBLICIDADE