O fenómeno de HQ Trivia chega a Android

martes, 2 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Os creadores de Vine, Rus Yusupov e Colin Kroll, están a conducir a última revolución no ámbito das aplicacións móbiles nos EE.UU. con HQ Trivia, un xogo en liña bastante curioso que consiste nun concurso de preguntas e respostas en directo e con presentadores reais, no que a xente pode participar de balde dende o seu fogar para gañar premios económicos.
A mecánica é moi sinxela: o presentador realiza unha serie de 12 preguntas con 3 respostas posibles que haberá que responder antes de 10 segundos, quedando eliminados os usuarios tras errar (sendo posible continuar empregando vidas extra que poden conseguirse recomendado o xogo a outros usuarios). Entre os gañadores de cada partida repartirase un bote que normalmente é duns 2.000 dólares (que poden incrementarse bastante en datas especiais) converténdose en todo un fenómeno social que a pasada noite frustrou a moitos usuarios que non puideron participar no xogo por terse superado o límite de 750.000 xogadores simultáneos que tiñan establecido (e que agora van eliminar ao constatar que xa hai preto dun millón de usuarios interesados en participar en HQ Trivia).
Esta aplicación comezou sendo exclusiva para iPhone, pero decidiron comezar 2018 con bo pé, estreando aplicación para Android, que pese a estar aínda en probas, xa acumula centos de milleiros de descargas por parte de beta testers que queren coñecer este fenómeno de primeira man.
As aplicacións móbiles con toques de concurso televisivo non son ningunha novidade, e incluso en España puidemos ver no verán un orixinal formato no que a participación nun xogo e a súa retransmisión televisiva era simultánea, pero o fenómeno de HQ Trivia é moi rechamante por ser un formato exclusivo do contorno móbil que conseguiu entusiasmar a centos de milleiros de xogadores en poucos meses, conseguindo especial relevancia o pasado decembro.

HQ Trivia convida a competir xunto a amigos e familiares neste xogo en directo