O grupo propietario de Televés incrementa os seus beneficios anuais un 41,8%

mércores, 21 de agosto do 2024 Redacción

Telcor, o grupo compostelán propietario de Televés xunto a máis de vinte sociedades, vén de publicar un resultado neto en 2023 de 1,8 millóns de euros, superando en máis de 1,3 millóns de beneficio neto do exercicio anterior.
O beneficio de explotación de Telcor teríase situado nos 2 millóns de euros de acordo coa súa memoria anual. Falamos dun resultado froito de ter acadado un volume de negocio de 133,6 millóns de euros. Cómpre salientar que aínda que neste último apartado só medraron un 4,2%, no que se refire aos beneficios o crecemento foi dun impresionante 41,8%.
A compañía sinala que o volume de negocio en 2023 estivo condicionado pola falta de compoñentes electrónicos, que limitou a capacidade de entrega a determinados clientes. Tamén recoñecen a afectación do incremento dos prezos industriais, a suba dos prezos do transporte, do IPC e incluso o tipo de cambio do dólar.
Telcor conseguiría o 47,4% da súa facturación no mercado español, fronte ao 42,6% do resto de Europa (especialmente en Portugal, Italia e Francia).