O interese por Google Glass congrega a numeroso público en Compostela

xoves, 24 de abril do 2014 Marcus Fernández

Parecía difícil de prever, pero a primeira actividade pública organizada polo Grupo de Desenvolvedores de Google de Santiago de Compostela (GDG Santiago) superou con creces todas as expectativas, e o relatorio de Andreu Ibáñez baixo o título Google Glass hands on!! excedeu a capacidade do Salón de Actos do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS) demostrando o interese que esperta a tecnoloxía de lentes de Google, da que puido afondarse durante este encontro no enriquecedor no que a meirande parte dos presentes vían fisicamente por primeira vez unhas Glass.
Ibáñez non só debullou os elementos que compoñen as Glass, dende o prisma que agocha unha pantalla que se adapta ao ollo, ata a patilla que transmite son mediante vibración ósea para que non teñamos que taponar o pavillóns auditivo para recibir información sonora a través das lentes, senón que tamén explicou as súas funcionalidades actuais implementadas por Google e as que están a desenvolver terceiros, que serán os que realmente marcarán o camiño que seguirá este tipo de tecnoloxía wearable no futuro.
O relator considera que a tecnoloxía de Glass pode resultar válida para labores diarias (como poder ler notificacións do móbil, empregar a navegación GPS para guiarse polas rúas dunha cidade ou poder interpretar códigos QR) ata tarefas profesionais moi concretas nos que resulta moi práctico non ter que desviar a mirada (pilotos de extinción de incendios, cirurxiáns...).
Tras o encontro, boa parte dos asistentes agardaron para poder probar en primeira persoa as Google Glass, para coñecer a sensación de ter unha pequena pantalla sobre a mirada e para poder retratar o momento, como podemos ver nunha galería de imaxes que publicamos na nosa páxina de Facebook.

JPEG - 87.4 KB
O encontro foi o primeiro evento público organizado polo GDG Santiago
JPEG - 94.8 KB
Os presentes puideron probar a experiencia de uso das Google Glass

PUBLICIDADE