O móbil xa pode empregarse oficialmente como carné de conducir

mércores, 18 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Hai unha semana publicábase libremente a aplicación de miDGT nas tendas de aplicacións móbiles de Google e Apple, facilitando que puidésemos levar no noso smartphone o carné de conducir e o permiso de circulación do noso vehículo, o que para moitos supón unha grande comodidade e tamén unha medida de seguridade, que como grande vantaxe ten o axilizar a realización de trámites de Tráfico, xa que poderán realizarse dende o móbil. Pero quedaba pendente a adaptación dos regulamentos para que a versión dixital da documentación de Tráfico puidesen considerarse legal, e pouco se fixo agardar, xa que a DGT publicou a Instrución 20 IO-21/S-150 que ratifica o uso da aplicación miDGT como un mecanismo válido para cumprir coa obriga dos condutores de levar consigo os documentos antes mencionados.
O curioso desta instrución publicada pola DGT é que xustifica que non sexa preciso un cambio lexislativo, xa que a Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Viaria asegura que «o condutor dun vehículo a motor ou ciclomotor queda obrigado a estar en posesión e levar consigo o seu permiso ou licenza válidos para conducir, así como o permiso de circulación do vehículo e a tarxeta de inspección técnica, e deberá exhibilos ante os axentes da autoridade encargados da vixilancia do tráfico no exercicio das funcións que teñen encomendadas que llo soliciten, nos termos que regulamentariamente se determine», ou sexa, que non especifica en ningún punto que esta documentación teña que estar en formato físico, que era o único existente até o momento.
Dado que nos últimos anos os axentes da autoridade dispoñen de distintas solucións para coñecer en tempo real a información dos Rexistros de Condutores e Infractores e de Vehículos que xestiona a DGT, podendo así verificar a situación de condutores e vehículos, parece lóxico que o xeito no que os cidadáns se comuniquen coa Administración evolucione, e para iso creouse a aplicación móbil miDGT, que para moitos converterase no mellor exemplo de uso da Administración electrónica no día a día dos cidadáns.

Vídeo promocional de miDGT

PUBLICIDADE