O noso compañeiro Antonio Boñar lánzase á blogosfera coas súas críticas de cinema

venres, 3 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

Malia que semelle unha obviedade, o realmente positivo dun blog (ese formato de caderno persoal que tan ben lle acae aos internautas-plumillas) é que se queres lelo, entras nel e o les. Sabes o que podes atopar no sitio en cuestión e isto, nestes tempos de fontes e autorías enleadas coma unha árbore xenealóxica borrosa, constitúe un pouco de terra firme alí onde todo se move. Isto que é aplicable a moitos temas e sectores, atopa na información vinculada ás artes meirande amplitude de banda. E o cinema, que á a columna vertebral do caderno do que imos falar, non é tampouco unha excepción. A fin de contas, a Rede asume cada vez máis o papel de amigo/a que sempre se adianta nas estreas e, polo tanto, soe achegar claves sobre a comenencia de acudir ou non a unha determinada proxección. Estes e outros son os argumentos que recolle o caderno en liña dun vello compañeiro de Código Cero, Antonio Boñar, responsable hai uns poucos anos dun programa de televisión sobre cinema que ás veces resultaba moito máis estimulante cás estreas da que trataba.
Leas aparte, o programa en cuestión, feito con poucos medios pero con moito humor e vontade de facer algo distinto, levaba un nome curioso que picaba a curiosidade dos telespectadores, En el cine no llueve, e ese é precisamente o título elixido para esta experiencia blogueira de Boñar, agora metido (de cheo) na figura do compañeiro que nos pon sobre aviso de toda aquela proxección fílmica á que nunca deberiamos ter ido. Quedamos pois avisados.
O blog, ao que tamén se pode acceder a través da web de La Opinión da Coruña, inclúe basicamente críticas e comentarios sobre as estreas que chegan cada fin de semana ás nosas pantallas: Boñar non achega valoracións persoais sobre todas (a súa saúde mental e a de calquera outro, tendo en conta o malas que son a gran maioría, podería perigar), pero si sobre unha boa parte das máis salientables. Estes días atópase no que podemos chamar fase de promoción do proxecto. A súa idea é tirar partido abondo do formato elixido, con todo o que iso implica: comentarios de todo tipo dos lectores e lectoras. El mesmo prefire deixalo claro: “Canta máis xente participe e opine mellor que mellor”.
Polo de agora xa podemos pornos ao día sobre a opinión que lle mereceron filmes como A cegas (de Fernando Meirelles) ou Os abrazos rotos (Pedro Almodóvar), por citar dúas das películas máis relevantes da carteleira actual. Dende aquí animalo nesta súa andaina bitacoreira á par que xornalística e cinematográfica, ao tempo que aproveitamos (xa que hai confianza) para pedirlle máis presenza do galego nas súas entradas (lingua que nos consta que domina, malia ser natural de León).