O novo portal da USC foi desenvolvido en Drupal 8 por Balidea

mércores, 11 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

Tal e como reflectimos, o panorama académico galego vén de achegarnos unha gran novidade para esta recta final de ano: a presentación do novo portal web da Universidade de Santiago de Compostela (USC), unha páxina xurdida da participación, da transparencia e da vontade de achegar un recurso comunicativo, informativo e investigador onde todos os elementos sexan útiles, usábeis, accesíbeis, dinámicos e encaixen á perfección no conxunto. A páxina tamén xurdiu da vontade de empregar software libre e unha estrutura tecnolóxica que garantirse o seu carácter dinámico, adaptábel, evolucionábel e colaborativo. Nestas vertentes tivo moito que dicir a comunidade universitaria por enteiro (mobilizouse a implicación de todos os seus integrantes) pero tamén a empresa compostelá Balidea, que foi a encargada de desenvolver en Drupal 8 o novo portal.
“O resultado”, informa a compañía TIC, é “unha web que renova a comunicación externa da universidade”. O novo portal web, engade Balidea, construíuse sobre unha base tecnolóxica completamente nova, empregando Drupal 8 como xestor de contidos. “Isto”, explican, “supón unha nova vantaxe para a USC, xa que conta cunha ampla comunidade de desenvolvedores e é un xestor moi estendido, tanto entre os equipos técnicos da universidade como entre as empresas do sector”. Balidea tamén salienta que o novo portal é completamente responsive, dando prioridade á navegación desde dispositivos móbiles.
Como lembraremos, a experiencia de Balidea neste tipo de proxectos é máis que completa: hai máis dun ano tivemos ocasión de coñecer o seu traballo de remodelación tecnolóxica para a faciana web da Universidade de Vigo.

PUBLICIDADE