O prazo para optar ao premio fin de carreira e mestrado do CPEIG ficará aberto até o 10 de maio

mércores, 13 de marzo do 2019 Redacción

O Premio Fin de Carreira e Máster en Enxeñaría Informática, convocado os días pasados polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, vai ter aberto o prazo de presentación de candidaturas até o vindeiro 10 de maio, a través do enderezo electrónico informacion@cpeig.gal e enviando toda a documentación precisa (ficha resumo do proxecto, resumo e memoria completa do mesmo).
O galardón, que ten unha dotación económica de 1.000 euros, chega este ano á súa décima edición. A información sobre as bases xa está habilitada na web do colexio, en formato PDF, ao igual que o formulario para presentar candidatura.
O obxectivo, segundo informa o colexio, é ser un estímulo para quen estea a cursar estudos de Enxeñaría en Informática ou para quen veña de obter o título ou o mestrado no mesmo eido do coñecemento. O galardón entregarase no marco da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebrará o 28 de xuño en Santiago de Compostela.
Terán opción de concorrer ao premio enxeñeiras e enxeñeiros que presentasen nunha universidade galega o proxecto fin de carreira da Enxeñaría en Informática ou o traballo fin de Máster en Enxeñaría Informática nos anos 2017, 2018 e 2019.
Mediante a organización deste premio, o ente colexial busca “achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes”.
A Noite
A convocatoria realizada polo CPEIG insírese nos premios da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que o Colexio organizará o 28 de xuño, en Santiago de Compostela. Este evento anual, ademais de representar un punto de encontro entre todos os colexiados, conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector.

PUBLICIDADE