O programa 21 días co galego e + incrementou a súa participación nun 20%
luns, 13 de febreiro do 2023
O
secretario xeral de Política Lingüística, Valentín
García, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús
Álvarez, participaron na clausura do programa de dinamización
lingüística 21 días co galego e +, iniciativa impulsada
pola Xunta (con orixe na experiencia da profesora Pilar Ponte no IES
da Pobra do Caramiñal, agora extrapolada a máis centros grazas á
implicación de Política Lingüística) que nesta súa quinta
edición mobilizou 12 centros educativos, uns 400 docentes, 88
membros do persoal de administración e 4.078 estudantes de 10 a 18
anos, xunto coas súas respectivas familias. A clausura formalizouse
no IES Aquis Celenis (Caldas de Reis). A nova edición do certame tivo un forte impacto nas redes sociais.
Valentín
García destacou que esta quinta edición “foi a máis numerosa das
realizadas ata o de agora”, pois alcanzou un 20% máis de
participación ca a anterior, “o cal”, dixo, “revela nun
aumento do interese por parte dos centros e do seu profesorado nesta
iniciativa que promove o uso da lingua galega entre as xeracións
máis novas, levando o galego a fogares onde non adoitaba usarse e
apoiando o alumnado que xa era galegofalante”.
No
acto tamén participaron Víctor F. Freixanes, presidente da Real
Academia Galega; Juan Manuel Rey, alcalde de Caldas de Reis;
Fernando Pérez, deputado autonómico por Caldas de Reis; a devandita
profesora Pilar Ponte (IES da Pobra do Caramiñal), coordinadora
xeral do programa; e Juan Manuel Campos e mais Manuel Rosales,
directores do CPI Plurilingüe Alfonso VII e do IES Aquis Celenis,
respectivamente. Ademais, o acto estivo amenizado por unha pequena
intervención do alumnado destes centros de Caldas, participantes
ambos os dous nesta quinta edición do programa.
Coa
clausura desta fase, o programa entra na súa terceira etapa, que
incluirá por primeira vez o I Encontro 21 días co galego e +,
unha xornada de confraternidade que xuntará a todos os centros
participantes na Cidade da Cultura a tarde do 28 de febreiro.
Impacto
nas redes sociais
Baixo
o lema Falando para un mundo mellor, que motiva a rapazada a
medrar no uso do galego, o alumnado do último ciclo de Primaria,
ESO, Bacharelato e FP comprometeuse a falar en galego as 24 horas do
día entre o 24 de xaneiro e o 13 de febreiro, tanto dentro como fóra
do centro.
Disto
quedou constancia no blog 21diascogalegoemais.gal,
o soporte central da iniciativa, onde se compartiron as creacións
dos centros participantes, así como tamén nas contas de Facebook,
TikTok, Instagram e Twitter, que un ano máis gozaron de grande
alcance tendo en conta que se trata dunha actividade educativa
restrinxida a un número limitado de centros e que só dura 21 días,
105 en total ao acumular as cinco edicións.
Así,
a canle de Youtube,
que suma xa máis de 400 vídeos publicados ao longo destes anos,
acumula máis de 95.000 reproducións cun total de máis de 3.400
horas de visualización e 209 contas subscritoras. Ademais, o
secretario xeral Valentín García salientou que “todo o alumnado
participante conéctase colectivamente na súa aula a través dunha
única conexión, de maneira que o número de visualizacións non
reflicte o número de persoas que ve cada día o vídeo, que é moito
maior”.
Programa
en continua expansión
Esta
iniciativa de dinamización lingüística naceu para estimular o uso
do galego no alumnado e perfeccionalo dentro e fóra das aulas. Ten a
súa orixe nunha experiencia que se puxo en marcha desde 2013 no IES
da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e que mesmo
chegou a recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización
lingüística, en 2016 un recoñecemento da Real Academia Galega e no
2019 o Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua. Desde o ano
2019 foi asumido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística,
que inicialmente o desenvolveu en catro centros educativos, un por
cada unha das provincias galegas.
