O proxecto MarumaSat III e os nosos institutos estudarán o ocaso diúrno da lúa
mércores, 2 de maio do 2018
Hoxe
temos unha cita coa investigación aeroespacial no IES Maruxa Mallo
de Ordes. Unha cita, ademais, que conta co engadido de ser unha proba
real de iniciación nas tecnoloxías ligadas ás telecomunicacións e
aos voos non tripulados. A experiencia, que vén da man da Axencia
Espacial Escolar Galega (NOSA), desenvolverase a partir das 16.00
e horas e consistirá nunha proba dupla: por unha banda a solta dun
globo de helio MarumaSat III, dende as instalacións do dito IES de
Ordes, e pola outra no lanzamento dun dron que achegará cobertura á
iniciativa e proporcionará imaxes aéreas externas do globo e máis
da cápsula integrada no mesmo.
Na
cita participan o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces e o IES
Miraflores de Oleiros, todos eles compoñentes de NOSA. Tamén foi
convidado o IES Xelmírez II de Santiago, que porá a proba a
operatividade das novas aplicacións para a obtención de datos
científicos que sirvan á mellora de futuras viaxes.
Segundo
engade a axencia, a solta do globo de helio ten a autorización da
entidade AENA para que o vindeiro luns 7 de maio, ás 12.00 do
mediodía, poida levar a cabo a misión Niño no faro
(tratando de obter imaxes estratosféricas a máis de 35.000 metros
de altura do fenómeno do ocaso da lúa diúrna). NOSA tamén informa
que o novo deseño da cápsula “tratará de facela visible dende
outros satélites, reflectindo a xeito de espello a luz solar dende a
súa cuberta superior”.
Por
certo que AENA concedeu tamén o seu permiso para unha segunda data
de lanzamento en previsión de que as condicións atmosféricas do
día 7 de maio impidan a recuperación da cápsula. Será o martes 29
de maio á mesma hora e desde idéntico lugar: ás 12 da mañá no
IES Maruxa Mallo, nas Casillas, Ordes. Para máis información da
experiencia, está habilitada na
web da Consellería de Educación un PDF con todos os datos da mesma.
