O proxecto O monte é noso desenvolve un mapa en liña cos nosos montes en mancomún

mércores, 4 de setembro do 2013 Redacción

Do proxecto O monte é noso: Sachando Procomún xa temos falado en Código Cero, avanzando detalles sobre o seu modus operandi e dando a coñecer que se trata dunha proposta lanzada por diversos colectivos para pór en xogo un novo xeito de achegar o coñecemento que existe arredor dos montes veciñais en man común en formato wiki. Agora, grazas ao CCG e ao exhaustivo estudo de Paula González, estamos xa en disposición de amosar algúns ingredientes máis desta interesante iniciativa que cingue máis que nunca o noso pasado (o noso xeito de xestionar as terras colectivamente) co noso presente (esta era da Sociedade da Información e estas correntes de liberdade no coñecemento sen barreiras que nos inflúen, queirámolo ou non). A base do proxecto é recuperar o espírito de propiedade colectiva e autoxestión do monte en común e mantelo vivo, agora que periga coa Lei de racionalización e sustentabilidade da administración local, alí onde se xuntan terra e Rede. Finalmente, o que se busca é a permanencia dos montes en mancomunidade.
Detrás desta proposta áchanse varias asociacións culturais e artísticas, unidas baixo o lema O monte é noso. Por unha banda, buscan facilitar a visibilidade dos montes comunais a través das novas tecnoloxías aplicadas á cartografía e, por outra, crear sinerxías entre as comunidades de montes para a mellora no aproveitamento e sustentabilidade das terras. Así pois, procúrase dar forma a unha rede de apoio mutuo que lles permita compartir experiencias aos comuneiros e axude a integrar a revalorización dos montes.
A iniciativa, cóntanos Paula González reflectindo declaracións de Ález Fernández (un dos promotores), ten o seu xermolo hai dous anos na Summerlab Feira Imaxinaria 012 de Vigo, onde se deron cita persoas cun interese común en dar forma a metodoloxías alternativas de goberno. Aparece aí a idea de buscar fontes de coñecemento e aplicación nos montes en man común, para os creadores do proxecto unha realidade social que se xestiona en liberdade de axentes externos. Detrás da iniciativa están Alg-a.org (comunidade de artistas), Rural Contemporánea (colectivo de acción social no medio rural), Asociación Artesáns de Innovación (creatividade aplicada á artesanía) e Tecnologías Apropiadas e Constelaciones (medios dixitais). A alianza apoia pois o seu traballo sobre o concepto de procomún, que é un xeito novo de designar o que vén de antigo: que algúns recursos pertencen a todas e todos
Unha das iniciativas que inclúe O monte é noso: Sachando Procomún é a creación dun mapa en liña interactivo que xeolocaliza e delimita todos os montes en mancomún da nosa terra. En palabras de Álex, “trátase dunha forma de facer visibles os montes e que os comuneiros compartan experiencias e formas de xestionar o monte”. O obxectivo é crear un tecido de comunicación eficiente para o fluxo de prácticas e experiencias entre comunidades de propietarios colectivos. En base a isto, calquera pode navegar xa no mapa, de xeito moi doado, e publicar contidos colaborando nesta creación colectiva de coñecemento vencellado aos montes en man común. Os datos estrutúranse en diversas capas e niveis distinguindo o plano material (recursos do monte), fronte ao inmaterial (actividades socioculturais que dinamicen as comunidades).

PUBLICIDADE