
Finalmente, logo de elixiren 400 semifinalistas e de que as nosas Escolas Rurais optasen a dúas categorías, o proxecto do CESGA recibiu a distinción de finalista premiado na modalidade A II (escritorio virtual para alumnado de Educación Infantil), tras outros tres proxectos, dous españois máis un arxentino.
Segundo nos conta o Centro de Supercomputación de Galicia, emprazado en Santiago de Compostela, no Campus Sur, os días 20, 21 e 22 do mes vindeiro, os responsables directos da iniciativa e máis os mestres participantes na iniciativa viaxarán a Madrid para facer acto de presenza no Encontro Internacional Educared, evento que dará acubillo, entre outras cousas, á entrega de premios da edición 2011.
Cómpre subliñar que este recoñecemento non é o primeiro que reciben as Escolas Rurais, xa que en decembro do ano pasado foi seleccionado pola asociación EGANET como un dos catro proxectos máis salientables na nosa terra na modalidade de educación dixital, de entre os case 100 presentados.
Como dixemos, este ano presentáronse aos premios preto de 4.000 traballos de 29 países, entre os que se contan Arxentina, Brasil, Bolivia, Colombia, Cuba, España ou Portugal. A primeira fase do certame consistiu na revisión pormenorizada de tódolos traballos por parte da Comisión do Xurado, un equipo constituído por 80 profesionais dos mundos educativo e profesional (docentes, profesores universitarios, xornalistas, especialistas en aprendizaxe en liña e máis en redes sociais) e que seleccionou para a segunda fase da convocatoria aqueles proxectos de meirande calidade e potencial.
Lembrar que a iniciativa de Escolas rurais virtuais vén da man do Centro de Supercomputación de Galicia, o CESGA, que afrontou este traballo cun obxectivo claro de loitar contra a fenda dixital que afecta a unha boa parte dos nosos ámbitos xeográficos non urbanos, e facelo dende a base mesma da ensinanza, amosando entre a comunidade educativa o amplo potencial das redes 2.0 para o desenvolvemento en tódalas súas facetas. A iniciativa, que é moi probable que se integre no Proxecto Abalar da Xunta, está a funcionar nas 7 escolas que compoñen o CRA Boqueixón Vedra e, tal e como fixemos saber dende Código Cero con motivo da presentación do proxecto, xunto coa Universidade de Idaho e unha universidade de Taiwan, conforman os 3 únicos centros do mundo que foron financiados por Hewlett Packard, HP, para desenvolver os seus proxectos piloto neste eido.
Grazas á tecnoloxía de computación na nube os profesores e alumnos das 7 escolas de educación primaria e infantil que compoñen o CRA galego, poden comunicarse entre si, traballar e facer actividades escolares de forma conxunta sen ter que desprazarse, a través da Rede. Para iso contan coa tecnoloxía cloud, en nube, que permite acceder a unha serie de servizos informáticos e responder ás necesidades do usuario de forma flexible e personalizada, a través de internet e sen necesidade da axuda de expertos informáticos.
Cunha solución de software libre e código aberto os usuarios traballan nunha plataforma sinxela que é axeitada tanto para o profesorado como para os estudantes e as súas familias, grazas á que non é necesario contar cos recursos e programas instalados en cada ordenador, senón que se pode contar cos materiais didácticos e recursos de aula nun espazo común, dispoñible dende calquera ordenador ou incluso móbil, conectado a Internet, para todos os membros da comunidade educativa.
Deste xeito ademais redúcense ao mínimo as dificultades técnicas, limítanse os custos de licencias de software, e créase unha contorna de traballo virtual a través dunha única aplicación lixeira, estruturada en varios niveis de acceso, segundo o perfil do usuario final.
O proxecto de escolas rurais 2.0 do CESGA, premiado na nova edición de Educared
Compartir Este Artigo

