O seminario técnico de Symbios acolleu a presentación de recursos TIC para loitar contra o noso despoboamento
venres, 20 de xuño do 2014
Estes días (19 e 20 de
xuño) estase a celebrar en Santiago (Museo do Pobo Galego) o segundo
seminario técnico do Proxecto
Symbios, unha iniciativa de fonda participación galega que ten
como obxectivo a aplicación de estratexias (solucións intelixentes,
sustentábeis e inclusivas) para inverter o decrecemento demográfico.
A finalidade deste segundo seminario é analizar as experiencias que
están a dar resposta á inclusión e á calidade de vida en zonas
afectadas pola crise demográfica. As xornadas, que
foron inauguradas onte pola directora xeral de Familia, Amparo
González, diríxense polo tanto a combater o envellecemento da
poboación e a baixa taxa de natalidade (cuestións que afectan sobre
todo ao noso rural) con coñecemento, participación, colaboración e
tecnoloxías.
Ademais da Xunta de
Galicia, tamén colaboran no proxecto europeo Symbios e nos seus
seminarios outras entidades galegas como o Instituto de
Desenvolvemento Económico de Galicia (IDEGA) da Universidade de
Santiago de Compostela (USC); o Instituto Galego de Estatística
(IGE); a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER); o colexio
de Traballo Social de Galicia; e a rede de centros de desenvolvemento
rural (COCEDER). Asemade, forman parte activa do proxecto o Consello
Rexional de Carelia do Norte de Finlandia, a Universidade de
Tràs-os-Montes e Alto Douro de Portugal, a Universidade Zuyd de
Ciencias Aplicadas de Holanda e o University College Cork de Irlanda.
Como dixemos, o obxectivo
deste segundo seminario é “analizar diferentes experiencias que
están a dar resposta á inclusión e á calidade de vida en zonas
afectadas pola crise demográfica”. Trátase pois, sinalan os
organizadores, de identificar tendencias comúns e establecer
hipóteses de traballo sobre cales son as condicións para o éxito
destas iniciativas.
O seminario, malia
figurar con dous días de actividade, concentrou case toda ela o día
19. Nesta xornada contou con espazos de participación activa e coa
experiencia dos socios internacionais do proxecto Symbios. Proba diso
foi a intervención onte xoves pola tarde de Maja Rocak,
investigadora da Universidade de Neimed-Cersrt-Zuyd (Holanda); Risto
Poutiainen, director de planificación rexional e desenvolvemento de
Carelia do Norte (Finlandia); Patrick O´Flanagan, University College
Cork (Irlanda). Tamén interveu Carlos Ferrás, experto da
Universidade de Santiago, amosando as múltiples vantaxes e
potencialidades de granxafamiliar.com.
Unha das entidades que achega o seu apoio ao
proxecto e que interveu activamente no seminario foi a organización
sen arela de lucro COCEDER.
Entre as encargadas de amosar a actividade da entidade estivo Tamara
Balboa García, coordinadora no Centro
de Desenvolvemento Rural Portas Abertas de Vilardevós, Ourense,
que á hora de fixar os alicerces para futuras iniciativas de
colaboración arredor do desenvolvemento local, salientou a
necesidade de obter coñecemento específico e miúdo de cada
poboación. Ao seu xuízo, cada poboación ten as súas
características e, por tanto, tódolos proxectos deben adecuarse ás
situacións e valores daquelas. Do mesmo xeito, sinalou, “ninguén
mellor para coñecer o envellecemento, o despoboamento ou as
necesidades básicas para cada zona rural, que os técnicos que día
tras día conviven cos habitantes dos núcleos rurais”.
Precisamente foron estes profesionais os que achegaron o miolo do
seminario técnico, dando a coñecer cadanseus proxectos: os
responsábeis do Proxecto ASAS (Aldeas Sustentábeis Activas) da
Universidade de Tràs-os-Montes, ou os impulsores do proxecto Granxa
Familiar (unha iniciativa apoiada pola USC para fomentar a actividade
económica das explotacións agrogandeiras familiares do noso rural a
través da Internet e as redes sociais), pasando polos responsábeis
de Arqueixal-Son de Aldea, a Rede
de Escolas Na Nube do CESGA e Balidea (iniciativa para xuntar
esforzos nas escolas do rural e tirar partido da innovación), ou ITI
Peneda-Gêres, entre outras iniciativas, “todas elas levadas a cabo
en zonas castigadas dende o punto de vista demográfico en España,
Portugal, Holanda, Irlanda e Finlandia”, sinalou COCEDER.