O simulador de compras do IGC, a disposición de consumidores, comerciantes e profesorado
luns, 14 de maio do 2012
A Escola
Galega de Consumo, encargada de dar resposta ás demandas educativas da
cidadanía e de informar aos profesionais das esixencias dos consumidores
perante os novos mercados, deseñou recentemente un simulador de compras virtual
que permite acceder de forma doada ás ferramentas para a compra por Internet,
para comprender o seu funcionamento e adiviñar os usos e vantaxes que o comercio
electrónico pode ter para a cidadanía.
Este simulador permite ademais
traballar distintos aspectos de consumo, como o pagamento por Internet e outros
relacionados cos dereitos dos consumidores, entre os que se atopan o etiquetado
dos produtos, as vendas a distancia, a publicidade, a protección de datos e a
realización de reclamacións.
Pois ben, grazas á colaboración
do Instituto Galego de Consumo coa Rede de Centros para a Modernización e
Inclusión Tecnolóxica de Galicia, os usuarios e usuarias das 98 aulas que hai
espalladas pola Comunidade, van poder utilizar este simulador de compras e comprobar
de primeira man as súas vantaxes.
Farano a través dun curso
formativo sobre consumo e comercio electrónico que se celebrará nas distintas
aulas CeMIT, e que vai dirixido de xeito especial a consumidores, comerciantes
e profesorado.
Este simulador, único en toda
España, xa foi demandado por moitas Comunidades Autónomas e entidades o que, en
palabras dos seus responsables, “sitúa de
novo a Galicia na vangarda no que se refire a formación e educación dos
consumidores”.
A Escola de Consumo atendeu o ano
pasado a mais de 1000 alumnos e con este programa pretende ampliar a súa oferta
e achegarse de maneira importante á poboación galega.
Colaboración co voluntariado dixital
O protocolo de colaboración asinado hoxe
entre a presidenta do Instituto Galego de Consumo, Nava Castro, e a directora
da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, recolle tamén a integración do simulador de compras
na carteira de servizos do programa de Voluntariado
Dixital, que está a desenvolver a AMTEGA “para favorecer o uso das novas tecnoloxías por parte persoas maiores e
persoas con discapacidade”, afirmaron.
O Instituto Galego de Consumo ofrecerá formación específica aos
voluntarios do programa sobre os dereitos dos consumidores especialmente no
eido do comercio electrónico para que poidan prestar o seu apoio nesta materia
ao colectivos de maiores e persoas en risco de exclusión dixital.