O sistema de eAdministración local da Deputación chega a oito novos concellos de Pontevedra

luns, 30 de xaneiro do 2017 Redacción

A Deputación de Pontevedra presentou en novembro do ano pasado o seu o servizo de implantación, uso e soporte das ferramentas de Administración Electrónica para os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Xa na súa presentación a entidade que preside Silva deixou claro que a incorporación do servizo nos consistorios ía ser progresiva e dinámica, sen compromiso de permanencia (respectando a “autonomía local”) e con novas “adhesións” cada pouco tempo. Este “libro aberto” do proxecto de eAdministración local da Deputación comezou coa incorporación de Agolada, Cerdedo-Cotobade, Cangas, Cambados e Mondariz. Agora súmanse Pontecesures, Arbo, Ponteareas, Portas, Valga, Salceda de Caselas, Forcarei e A Guarda. En total, son 13 os concellos nos que se instaura o servizo.
Durante o mes de febreiro implantarase a Administración Electrónica en Pontecesures (o 1 de febreiro), Arbo (o día 6), Ponteareas (o 8), Portas (o día 9), Valga (o día 10), Salceda de Caselas (o día 13), Forcarei (o 14 de febreiro) e A Guarda (o día 15). En total, xa son 13 os concellos nos que a Deputación de Pontevedra está a impulsar solucións para que poidan dispoñer, entre outras cousas, dunha sede electrónica personalizada para a súa relación coa cidadanía ou, tamén, dun portal para que o persoal da Administración local poida realizar a xestión integral dos procedementos e expedientes por medios electrónicos. No que respecta á cidadanía, grazas a estas tecnoloxías a veciñanza poderá levar a cabo xestións como a consulta do catálogo de servizos electrónicos de trámites, consultas de expedientes ou procedementos, e todo coa posibilidade de seren iniciados de forma telemática e seren presentados no rexistro electrónico “sen necesidade de realizar un desprazamento presencial ás administracións”.