O uso de IA en Clair Obscur: Expedition 33 podería terlle custado un premio

luns, 22 de decembro do 2025 Marcus Fernández

O xogo francés Clair Obscur: Expedition 33 fixo historia nos The Game Awards ao facerse con 9 galardóns, entre os que figura tanto o de Xogo do Ano como o de Mellor Debut Indie, pero este éxito contrastou nos últimos días cos resultados dos The Indie Game Awards, nos que como xogo debut triunfou Sorry We’re Closed (de a la mode Games e que estes días estivo ofrecendo de balde a tenda de Epic Games) e Blue Prince (de Dogubomb) como xogo de ano.
O detalle polo que está a dar que falar que Clair Obscur: Expedition 33 non gañase nestas dúas categorías nas que figuraba como finalista é porque agora aseguran que o xogo de Sandfall Interactive fixo uso de intelixencia artificial xenerativa no seu desenvolvemento, o que tería provocado a súa descualificación da competición.
O estudio recoñeceu hai meses que «cando as primeiras ferramentas de IA estiveron dispoñibles en 2022, algúns membros do experimentaron brevemente con elas para xerar texturas provisorias. Tras o lanzamento, as texturas provisorias elimináronse nun prazo de cinco días e substituíronse polas texturas correctas que sempre se tiñan previsto para o lanzamento, pero que se pasaron por alto durante o proceso de control de calidade».
Non parece moi xusta a descualificación dun xogo por un accidente, e o que si parece claro é que o debate sobre o uso da IA no sector dos videoxogos non fixo máis que comezar, aínda que hai moitas voces no sector que pensan que a conversa vai durar moi pouco, xa que ven a IA como inevitable, de xeito que non empregar esta tecnoloxía suporía unha desvantaxe tan grande que poucos desenvolvedores optarán por un traballo totalmente artesanal.