O xogo galego para smartphones, Fly Away, recoñecido no Programa Yuzz
mércores, 9 de setembro do 2015
- Presentación de Cogomelo Games en Galicia Open Future
O proxecto galego Fly Away, unha
iniciativa para crear un xogo para smartphones centrado
no usuario, vén
de resultar gañador do certame de emprendemento do Programa Yuzz.
O recoñecemento concedido a Fly Away,
proxecto impulsado por Abrahan Dopazo e Alfonso Varela,
consiste nunha viaxe ao epicentro da industria TIC mundial, Silicon
Valley (Estados Unidos). Segundo informa a Universidade da Coruña,
unha
das sedes de Yuzz (iniciativa na que colabora arreo), ás portas
habilitadas pola UDC no certame petaron máis de oitenta mozos
e mozas cun total de cincuenta proxectos empresariais.
Yuzz ten como obxectivo promover o emprendemento no
contorno tecnolóxico de persoas menores de trinta anos. Vén da man
do Banco Santander, a través de Santander Universidades, e conta coa
colaboración da Rede Emprendia e a Xunta de Galicia.
O proxecto seleccionado, Fly Away, é como
dixemos un xogo para smartphones centrado no usuario que
desenvolven Dopazo e Varela dentro do seu estudio Cogomelo
Games xunto co deseñador Diego Cambre. Abrahan Dopazo, xunto con
outras 42 novas promesas da contorna tecnolóxica de España,
visitará Silicon Valley para coñecer de preto o que a organización
do concurso cualifica do “maior ecosistema de emprendemento e
innovación do mundo”. Acudirán tamén á sede de compañías de
“grande relevancia internacional” como Google, LinkedIN, Facebook
ou Hewlett Packard e asistirán a conferencias en universidades
referencias como Berkeley ou Standford.
Ademais poderán coñecer
o Spain Tech Center –impulsado por Banco Santander, ICEX e Red.es-
que ten como meta facilitar a implantación de PEME de alicerce
tecnolóxico español neste lugar.
O 6 de novembro, en Cidade
Grupo Santander, os 42 mozos e mozas seleccionados presentarán as
súas ideas perante un xurado integrado por representantes de Banco
Santander, CISE e entidades colaboradoras do Yuzz. Os tres mellores
emprendedores recibirán unha dotación económica (30.000, 20.000 e
10.000 euros) para que poidan acelerar os seus proxectos.
- Imaxe na que adiantan cara a onde vai o deseño de Fly Away