Once medios dixitais galegos xa contan co selo NRede do CPXG
martes, 21 de marzo do 2023
O
proxecto NRede, Rexistro de Medios Dixitais Galegos posto
en marcha en febreiro polo Colexio Profesional de Xornalistas de
Galicia (CPXG) para pór en valor os medios dixitais galegos,
comeza a identificar os espazos con contidos xornalísticos a través
do selo de seu (o selo NRede). Así, once cabeceiras galegas xa
contan arestora coa certificación que garante que a súa información
“é froito dun traballo profesional”, segundo acredita do selo.
Os medios interesados en ser incluídos no rexistro poden solicitar a
súa inscrición a través da páxina web do Colexio.
NRede,
como lembraremos, ten o obxectivo e garantir e reivindicar o traballo
xornalístico, facilitar a identificación dos medios dixitais
galegos ante a sociedade e, ao tempo, facilitar a súa acreditación
ou acceso a axudas públicas.
Nas
últimas semanas, o rexistro recibiu as primeiras solicitudes e
emitiu os selos que identifican xa a once cabeceiras como medios de
comunicación con criterios xornalísticos no eido dixital.
Os
primeiros once medios incluídos no rexistro dos medios dixitais
galegos son Galicia Confidencial, Galiciapress, GCDiario, Lugo
Xornal, Mundiario, Pontevedra Viva, Praza Pública, Tempos Dixital
Xornal da Mariña, Xornal de Lemos e Xornal de Vigo. Todos
eles, salienta o CPXG, “cumpren cos requisitos que garanten que son
espazos de comunicación con contidos xornalísticos, con información
froito dun traballo profesional e que respecta a deontoloxía do
xornalismo”. Ademais, dan boa conta da pluralidade do xornalismo
dixital galego, ao representaren distintos enfoques comunicativos e
cubriren boa parte da xeografía da nosa comunidade.
