One UI 7 chegará en abril a dispositivos de anos anteriores

martes, 18 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Os novos smartphones Samsung Galaxy S25, S25+ e S25 Ultra destacaban por facer unha grande aposta pola intelixencia artificial a través da capa de personalización One UI 7, pero boa parte destas prestacións tería que ter chegado xa aos móbiles de alta gama de Samsung lanzados nos anos anteriores. Tras varias fases de proba e terse desculpado a compañía polo adiamento, finalmente Samsung anuncia que o lanzamento oficial de One UI 7 comezará o 7 de abril, comezando polas series Galaxy S24, Galaxy Z Fold6 e Galaxy Z Flip6, e estendéndose progresivamente ás series Galaxy S23, Galaxy Z Fold5, Galaxy Z Filp5, Galaxy Tab S10 e Galaxy Tab S9.
Con One UI 7 chega un novo deseño da interface, cunha pantalla de inicio simplificada, widgets e pantalla de desbloqueo redeseñados, a posibilidade de contar con actualizacións en tempo real a través da Now Bar presente na pantalla de bloqueo, poder empregar funcións de Galaxy como o asistente de escritura e de debuxo e, nos dispositivos da xeración anterior, tamén a o borrador de audio (que permite eliminar ruídos non desexados nos vídeos).
A nova versión do software tamén supón unha maior integración co asistente Gemini de Google, co que agora é posible falar de xeito natural con só pulsar prolongadamente o botón lateral.
Estamos ante unha actualización de software que será moi benvida para os dispositivos de alta gama de Samsung lanzados nos últimos 2 anos, de xeito que quedarán practicamente á altura dos produtos máis novos, o que prolonga a vida dos dispositivos e a percepción do seu valor.