Optare e Telefónica xuntan forzas para mellorar as experiencias e aplicacións do 5G
xoves, 24 de outubro do 2019
Optare
Solutions, firma TIC da nosa terra, vén de xuntar forzas coa
operadora Telefónica para desenvolver unha solución con capacidade
para garantir a máxima calidade das redes 5G e, en consecuencia, as
mellores experiencias dos usuarios e un abano máis amplo de posibles
aplicacións. En
termos máis concretos, Optare e Telefónica darán forma á
ferramenta Intelligent QoE Analytics.
O
cometido da mesma será avaliar o nivel de excelencia dos servizos
despregados sobre unha plataforma Open Source Man (OSM) e,
deste xeito, “realizar accións correctivas e preventivas que
permitan lograr o meirande beneficio das novas aplicacións e
solucións que se ofrecerán sobre 5G”.
A
iniciativa conxunta ten a súa orixe nunha preocupación compartida:
ambas empresas desexan un panorama de máxima rendibilidade para o
novo estándar móbil, que garanta os mellores casos de uso nos eidos
empresariais, científicos, sanitarios e de xestión pública. Este
panorama virá marcado polas necesidades específicas de cada ámbito:
“Teremos redes con necesidades de ultra-baixa latencia e ultra-alta
dispoñibilidade como as do coche autónomo ou a cirurxía remota,
outras con gran demanda de dispositivos conectados como Industria
4.0, e outras con alta capacidade no ancho de banda, como os servizos
de entretemento en mobilidade e realidade virtual”, explican as
dúas empresas, engadindo que o éxito en cada un destes casos
dependerá de que se garanta a calidade de experiencia (QoE) no uso
do servizo entregado aos usuarios finais.
Os
recursos de Optare
Optare
dispón na actualidade da solución QoE Optimization, que permite
medir e optimizar a QoE percibida polos usuarios no uso dos servizos
prestados polo operador. Agora, coa evolución a Intelligent QoE
Analytics, potenciarase o uso óptimo do network slicing a
través das métricas de QoE obtidas en dispositivos dos usuarios e a
integración cos elementos e recursos da plataforma OSM para realizar
as actuacións preventivas e correctivas necesarias. Ademais
desenvolverase o módulo Cognitive QoE Analytics para poder
incorporar na plataforma, de xeito áxil, métricas de QoE de novos
servizos non consolidados, para os que aínda non hai unha regra
formal de como medila.
Xosé
Ramón Sousa, de Optare, sinala que “a nosa empresa continúa
demostrando o seu liderado na medida de QoE no ámbito de
telecomunicacións. Grazas a esta alianza con Telefónica, poderemos
ampliar agora a nosa experiencia ao contexto 5G, onde Optare leva
anos participando en proxectos de I+D europeos como
Sonata,
5GTango ou Veo5G”.
Nuria
Higuera, da Xerencia de Innovación de Telefónica explica que “a
Telefónica preocúpalle ter as máximas garantías para proporcionar
o mellor servizo aos seus clientes e cubrir as súas expectativas.
Este proxecto permitiranos avanzar nesta dirección para seguir
garantindo esta calidade cos novos servizos que aparecerán coa
chegada de 5G”.
