Os Bolechas estrean web-comunidade con novos contidos e servizos
luns, 26 de outubro do 2015
Hoxe toca falar da nova
web duns personaxes ben queridos polos nosos rapaces e, tamén, por
boa parte das nais e pais e deses rapaces: a familia de Os Bolechas.
A páxina acabada de estrear polos irmáns creados por Pepe Carreiro
faino con dominio galego (osbolechas.gal)
e coa arela de achegar recursos cen por cen renovados e integradores
(un dos obxectivos é xuntar material espallado ata o de agora en
diferentes espazos en liña). Tamén hai novos servizos e contidos,
como é de agardar. A páxina xorde como resposta ante “o
incremento de socios e seareiros da familia Bolechas, así como ante
a gran cantidade de materiais creados nos últimos tempos”. En
definitiva, Osbolechas.gal é un casa máis grande e mellor para os
personaxes de Pepe Carreiro e para os seus pequenos seguidores: unha
comunidade interactiva onde hai ben de sitio para acubillalo todo.
A nivel de apartados, a
páxina, cuxo desenvolvemento implicou meses de “intenso traballo”,
inclúe unha sección de información sobre a familia Bolechas e o
seu autor; outro apartado sobre o Universo Bolechas (serie de
TV, a caravana itinerante polas nosas vilas e cidades, concursos,
xoias, música, obradoiros); outra sobre Novas (onde podemos
consultar todas as informacións publicadas dende o ano 2012 así
como as novas que van ir envorcando á nova páxina web); e máis
unha zona de Xogos (con actividades “para toda a familia con
distintos niveis de habilidade e dificultade”.
Os creadores da web (Pepe
Carreiro e o seu equipo) tamén salientan a incorporación dunha zona
de Socios (onde
os novos seareiros poden darse de alta para formaren parte do Club
dos Bolechas e os que xa son socios gozarán de novas vantaxes e
servizos específicos) e máis a inclusión dunha Área Didáctica,
presente ata o de agora nalgunhas páxinas temáticas sobre a
familia pero contando a partir de xa cun espazo específico de seu.
Na Área Didáctica, infórmase, acubíllase material
educativo elaborado conxuntamente por pedagogos e profesionais de
cada temática e destinado a escolares de Educación Infantil e
Primaria. Esta sección, coma as restantes, irá ampliándose co
tempo con novos recursos, “de xeito que sexa un espazo vivo e
activo onde nais, pais e educadores poidan acudir frecuentemente para
xogar e aprender cos cativos da man dos seus personaxes favoritos”,
sinalan os creadores da web, que tamén salientan o apartado de
Libros (onde se poden consultar as novidades editoriais ou
acceder ao libro fala)– e a Canle TV, un espazo que
responde ás peticións dos seguidores dos Bolechas por ter os
capítulos da serie de televisión dispoñibles en liña as 24 horas
do día e accesibles dende onde queiran. Compleméntase todo o
ofrecido na web coas diferentes xanelas ás redes sociais onde a
familia galega de animación creada por Pepe Carreira ten presenza
(Facebook, Twitter e Youtube) e comunidade.
