Os Ecommerce Awards Galicia 2019 distinguiron a Lolita Moda, Soloimprenta e A&B Shop
mércores, 20 de novembro do 2019- Pablo Hermo Villar, de Lolita Moda, recollendo o galardón na Coruña
O
pasado 14 de novembro, coa participación duns 200 profesionais,
celebrouse a parada galega segunda
edición da xira estatal Ecommerce Tour, un programa itinerante
de mesas redondas, relatorios e premios destinados a pór de relevo a
importancia de facer innovar os nosos negocios e adaptalos ás
esixencias e vantaxes do mundo dixital. A cita coruñesa, que se
celebrou en PALEXCO, puxo o foco no sector da moda. Ao fío disto,
houbo presentacións de proxectos e, tamén, recoñecementos:
distinguiuse a Lolita Moda, Soloimprenta e A&B Shop como as
mellores tendas online galegas na II Edición dos Premios
Ecommerce Tour Awards Galicia.
O
primeiro premio foi para Lolita
Moda, histórica empresa familiar creada en Noia, no 1960, da man
de Dolores González e Mario Hermo e hoxe en un auténtico referente
en transformación dixital dos sectores máis tradicionais. Lolita
Moda, que ten unha notábel presenza no Barbanza (con grandes tendas
en Noia, Ribeira e Boiro, aínda que tamén en Pontevedra e
Bertamiráns), foi distinguida nos Premios Ecommerce pola súa
“dedicación ao traballo, pola calidade dos seus produtos, polo seu
servizo de atención ao cliente e pola innovación e funcionalidade
das súas tendas”, uns ingredientes que, en opinión do xurado
“fixeron posíbel que sexa un referente no sector téxtil” e,
tamén, na integración no mundo tecnolóxico, cunha tenda online
propia achegada en media ducia de idiomas e cunha ampla presenza nas
redes.
O
segundo foi para Soloimprenta,
un ecommerce galego creado hai sete anos que, en palabras do
xurado, foi quen de situarse dende os seus inicios como “unha das
compañías emblemáticas do seu sector, baseándose nos principios e
valores do bo comercial: seriedade, trato próximo, personalizado e
que pensa 100% no cliente”.
O
terceiro premio foi concedido a A&B
Shop, tenda de roupa de venda lowcost, en liña, onde
podemos mercar conxuntos para vestir todos os integrantes dunha
familia coa vantaxe (e co engadido extra) de facelo todas e todos dun
xeito semellante e distinguíbel.
No
transcurso da xornada tamén se puxo o foco na capacidade innovadora
Minimalism Brand, Coosy ou Fuikaomar.es. Amais, déronse a coñecer
as últimas novidades en vendas en Internet, loxística,
transformación dixital, email mercadotecnia e omnicanle. A
empresa encargada da organización (da parada coruñesa e da xira
estatal) é Ecommerce News. O evento contou co patrocinio de BBVA,
WebLoyalty, Sabadell, Don Dominio, Fotografía eCommerce, Retail
Rocket e Vino Premier.