Os PlayStation Studios despedirán a 900 traballadores

martes, 27 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Sony Interactive Entertainment comunicou hoxe un importante axuste do cadro de persoal dos PlayStation Studios, o que supón o despedimento de preto do 8% dos traballadores (unhas 900 persoas) a nivel mundial, na liña do que están a facer moitos outros estudios de videoxogos no último ano.
Aínda que os axustes de persoal terán lugar por todo o mundo, é especialmente salientable o caso británico, xa que o London Studio pechará completamente, mentres que o tamén británico estudio Firesprite terá que afrontar despedimentos (cancelando no camiño un xogo como servizo da franquía Twisted Metal), como o resto do cadro de persoal da división de videoxogos de Sony no Reino Unido.
O London Studio de PlayStation era coñecido por xogos como SingStar e This Is Football, e actualmente estaba involucrado en títulos para PlayStation VR.
Chegan informacións de que os estudios máis importantes da compañía, como Insomniac (creadores dos xogos de Spider-Man), Naughty Dog (The Last of Us e Uncharted) e Guerrilla (Horizon Zero Dawn e Horizon Forbidden West) tamén estarían afectados polos recortes de persoal.
Dende Sony recoñecen que tomaron esta decisión con pesar, pero aseguran non ter outra opción para poder adaptarse ao complicado escenario actual. Lembremos que as compañías de videoxogos contrataron a moito persoal durante a pandemia, e tras a volta á normalidade descendeu o consumo de videoxogos, polo que as compañías están a mudar de estratexia, xa que o mercado non está a ser capaz de absorber os lanzamentos actuais, provocando que as producións estean moi lonxe de conseguir os seus obxectivos económicos.

PUBLICIDADE