Os Premios do Comercio salientan a aposta dixital de Lolita Moda e a Fundación Centro-Área Comercial

martes, 10 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

Este martes 10 volveuse pór de manifesto, con altofalantes e letras ben grandes, a importancia de impulsar os nosos negocios para que sexan quen de tirar o máximo proveito das novas tecnoloxías. O motivo? A entrega de galardóns da nova edición dos Premios do Comercio Galego, na que ao mesmo tempo que se fixo fincapé no imprescindíbel que resulta a transformación, quedou claro que o noso sector ten a maquinaria innovadora ben engraxada, ao igual que a capacidade para escoitar o que piden os seus clientes en materia de servizo, comunicación e plataformas. Os galardóns salientaron a traxectoria da empresa barbanzá Lolita Moda, que culmina un ano de éxitos logo doutro recente premio, o Ecommerce Awards Galicia 2019 entregado os días pasados na Coruña. Asemade, enxalzouse a aposta polo dixital da Fundación Santiago Centro-Área Comercial.
Na gala de hoxe participaron as/os responsábeis de todos os establecementos distinguidos e máis o conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen destacou o esforzo do sector “por poñer ao cliente no centro da súa estratexia” e polo seu compromiso innovador. O conselleiro, que tamén puxo en valor “o papel unificador e integrador do comercio de proximidade nas cidades e vilas galegas”, louvou os establecementos premiados por seren “exemplos da importancia de adaptarse aos novos tempos, transformando os negocios seguindo o ritmo das necesidades dos consumidores e empregando as mellores ferramentas dispoñíbeis para alcanzar ese obxectivo”.
Criterios a valorar
Os Premios do Comercio Galego 2019 distinguen os establecementos a nivel provincial e autonómico que na súa xestión comercial executan accións innovadoras que comporten “unha clara diferenciación, unha mellora na captación e mantemento de clientes e unha adaptación do servizo e do produto ás necesidades e demandas dos usuarios potenciais”. Para iso, valórase a transformación dixital, os servizos engadidos á propia oferta comercial, accións promocionais especiais e utilización de ferramentas tales como a Internet e as redes sociais como canles de comunicación e venda e a integración entre as canles online e offline. O Premio Comercio de Galicia está dotado cunha contía de 9.000 euros; o Premio Comercio Provincial, cunha contía de 4.000 euros por provincia; e o Premio Iniciativa Dixital para asociacións de comerciantes, cunha contía de 2.000 euros.
Lolita Moda
Como dixemos, o Premio Comercio de Galicia 2019 recaeu en Lolita Moda, que xorde en Noia en 1960 como un negocio familiar. Actualmente dispón de oito tendas físicas (tres delas especializadas en nenos) en Boiro, Noia, Ribeira, Bertamiráns (Ames) e Pontevedra. No 2014 lanzan a súa tenda online, con máis de 50 marcas e 7.000 referencias.
Lolita Moda foi creada en Noia no 1960, da man de Dolores González e Mario Hermo e hoxe en un auténtico referente en transformación dixital dos sectores máis tradicionais.
Olivares Shoes & Bags
No tocante ao premio provincial da Coruña, obtívoo Olivares Shoes & Bags, empresa de venda polo miúdo de produtos de moda de muller. Fundada en Ferrol no ano 2010, conta tamén con establecementos na Coruña e Santiago, e dispón de venda en liña.
Albo Zapaterías
Na provincia de Lugo, resultou gañador Albo Zapaterías, unha empresa familiar de Viveiro con preto de 65 anos de traxectoria e que, en palabras do xurado, “soubo anticiparse aos cambios experimentados polo sector nos últimos anos”. Na actualidade contan con catro tendas situadas no casco histórico de Viveiro. Albo Shop Online opera en toda España así como en seis países da Unión Europea.
4Elementos
En Ourense prémiase a 4Elementos, centrada na moda urbana e o calzado deportivo, e que conta despois de dez anos con cinco tendas físicas situadas en Ourense, Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Madrid, ademais da tenda en liña.
Mekkdes
O Premio Comercio Pontevedra é para Mekkdes, unha tenda que nace en 2011 a través da súa web, e que, despois de vender en establecementos multimarca de toda España, en abril de 2018 abre a súa primeira tenda física en Vigo.
Fundación Santiago Centro-Área Comercial
O Premio Iniciativa Dixital para asociacións de comerciantes recaeu na Fundación Santiago Centro-Área Comercial, pola “posta en marcha de diversas accións estreitamente vencelladas coa transformación dixital, entre as que destacan a creación do Grupo de Comercio Innovador, a posta en marcha dunha plataforma online de venda conxunta de produtos en outlet, ou a distribución mensual dun boletín de innovación”.

PUBLICIDADE