Os RegTech Awards recoñecen o impacto social da compañía galega Docuten

luns, 8 de xullo do 2019 Redacción

Brais Méndez (Docuten), Maite Gillaranz (PiperLab), María Dolores Pescador (RegTech) e Javier Mira (FacePhi).

A galega Docuten, compañía especializada en solucións de sinatura dixital, factura electrónica e cobro, foi galardoada a semana pasada co premio de Maior Impacto Social dentro dos RegTech Awards, premios entregados durante a 2º edición da RegTech Unconference, que reuniu a máis de 80 directores xerais das empresas tecnolóxicas máis innovadoras do mercado.
As empresas RegTech son aquelas que empregan tecnoloxías nos seus sistemas como o big data, a biometría, o blockchain... co obxectivo de mellorar os procesos empresariais, promover a automatización e mellorar os procesos de cumprimento normativo.
Docuten foi galardoado co premio á compañía de maior Impacto Social grazas aos beneficios ambientais conseguidos a través dos seus servizos de dixitalización. Concretamente, os seus servizos de sinatura dixital, factura electrónica e cobros contribúen ao aforro de recursos naturais coa redución do uso de papel (o envío dixital de documentos, tanto facturas electrónicas como documentos a asinar, favorece que as empresas reduzan o uso de papel) e coa eliminación de envíos de documentación en papel (o proceso de envío ordinario de documentos provoca un alto custo ambiental debido ao uso de medios de transporte que producen emisións prexudiciais para o planeta).
Este recoñecemento permite a Docuten facer máis visible un dos valores principais da súa estratexia de produto: a redución da pegada de carbono dos seus clientes grazas á transformación dixital dos procesos administrativos.

PUBLICIDADE